Pais nosos singulares e diferentes, por Xesús González Gómez

OXGG Péret ilustr. 2 pasado 14 de febreiro, durante a entrega dos Premis Ciutat de Barcelona, a poeta Dolors Miquel recitou o seu “Pare [ou mare] nostre”, o que indignou ao representante e portavoz do Partido Popular no concello de Barcelona, Alberto Fernández Díaz, irmán do ministro do Interior, condecorador de virxes e… non continuamos debido á lei mordaza. O poema de Dolors Miquel data de 2006 e está incluído no seu libro Misa pagesa (Misa campesiña), que foi galardoado co Premi Ciutat de Barcelona daquel ano.

Velai o poema que causou a indignación do Sr. Fernandez Díaz, Alberto:

Mare Nostra que esteu en zel,
sigui santificat el vostre cony,
l’epudiral, la llevadora,
vingui a nosaltres el vostre crit,
el vostre amor, la vostra força.
Faci’s la vostra voluntat al nostre úter
sobre la terra.
El nostre dia de cada dia doneu-nos avui.
I no permeteu que els fills de puta
avortin l’amor, facin la guerra,
ans deslliureu-nos d’ells,
pels segles del segles.
Vagina.
Anem…

Unha tradución, literal, ao galego, sería a seguinte: “Nai Nosa que estás en celo, / santificada sexa a túa cona/ a epidural, a comadroa,/ veña a nós o teu berro,/ o teu amor,/ a túa forza. Fágase a túa vontade no noso útero/ sobre a terra./ O noso día de cada día dánolo hoxe./ E non permitas que os fillos de puta/ aborten o amor, fagan a guerra,/ mais líbranos deles/ polos séculos dos séculos./ Vaxina./ Imos…

O poema non é, que digamos, unha marabilla, mais supoño que na intención da poeta non estaba facer un gran poema, o que sempre, sempre, é un erro. Mais tampouco había para tanto, mais a dereita recalcitrante xa se sabe: quérenos entregar o ceo aínda que sexa fusilándonos. En fin, as cousas están así. E ao día seguinte todos os xornais, televisións, radios e axencias de prensa españolas, non sei se algunha estranxeira, facíanse eco do “escándalo”, que non era tal. E as denominadas redes sociais, segundo algunhas noticias, ardían, sobre todo polos comentarios da dereita, da esquerda ben pensante e daqueles que non teñen outra cousa a facer que falar do próximo, e se é mal, mellor.

Pois, que eu saiba, ninguén comentou que o poema de Dolors Miquel tiña ilustres predecesores. Sobre todo un: o poeta surrealista Benjamin Péret. Contemos a historia.

En 1928 nas rotativas da imprenta é secuestrado (e posteriormente destruído) o libro Les rouilles encagées [As ferruxes encerradas, ou engaioladas], título por contrepèterie, que din os franceses e, polo tanto, o título real do libro sería (é) Les couilles enragées [Os collóns cabreados, ou rabiosos]. O libro, mestura de aventuras do vizconde Branleur des Couilles-Moles [o vizconde Masturbador –pajillero– dos Collóns Brandos] con poemas, cantos, cánticos, e vai ilustrado con debuxos de Yves Tanguy. Non foi até 1954, nunha tiraxe limitada a 100 exemplares polo editor surrealista Éric Losfeld, que puido ver lume. En 1970, apareceu outra edición, a máis popular, na colección Le desordre, dirixida por Jean Schuster. Na portadaXGG Péret ilustr. 1 (ilustración adxunta) o título era o oficial, Les rouilles encagées, na páxina tres, o real: Les couilles enragées (non sei se foi unha estratexia da editorial, a máis castigada polos tribunais da V República francesa, por riba da mítica Maspero, ou os editores mantiveron a idea inicial). En español existe unha boa versión, publicada 20 anos despois, en 1990, na colección La sonrisa vertical, da Editorial Tusquets, obra de Xavier Domingo. O libro non leva ningún tipo de prólogo, limiar ou advertencia, e así o lector fica sen saber a súa historia e as súas vicisitudes. Nas lapelas, cométense erros, sobre todo na parte biográfica, xa que se di que “al declararse la guerra civil española se alistó [Péret] inmeditamente en las Brigadas Internacionales y combatió en España hasta 1939, cuando al estallar la Segunda Guerra Mundial, pasó al ejército francés”. Péret, que pertencía ao P. O. I. [Partido Obreiro Internacional, de tendencias trotskistas], non se alistou nos Brigadas Internacionais, como sabe todo o mundo, senón que participou nas Brigadas do P. O. U. M. [Partido Obreiro de Unificación Marxista], e aínda que este partido non era trotskista nin seguía as directivas da IV Internacional, nel alistáronse moitos troskistas, tanto españois como doutros países, como os americanos Juan Brea e Mary Low, o apátrida, polaco de nacemento, xudeu de nación, francés de escrita, Jean Malaquais, etc. Digamos que despois de estar coas brigadas do POUM na fronte de Aragón, Péret pasouse aos anarquistas, xa que non aturaba o que el chamaba a burocracia deste partido. Tampouco é certo que Péret loitase en España até 1939: en abril de 1937, pouco antes dos feitos de maio de Barcelona, regresou a París, onde o esperaba a pintora Remedios Varo, que coñecera en Barcelona. Tamén nesta malfadada lapela (redactada polo tradutor) dise: “Su obra de narrador, poeta y ensayista habría dado lugar a cuatro tomos (finalmente sólo salieron a la luz dos), de haber seguido con vida Éric Losfeld, amigo personal de Péret y legendario editor de los surrealistas en su no menos mítica editorial Le Terrain Vague”. En Le Terrain Vague só saíron dous volumes das Obras completas dXGG Péret Tanguy 1e Péret, certo, pero en 1990, cando se publica en español Os collóns cabreados, xa apareceran tres volumes máis da obra completa de Péret, na non menos mítica editorial José Corti, edición, no entanto, patrocinada pola Asociación amigos de Benjamin Péret. As obras completas do poetas francés conforman, en total, sete volumes. É dicir, que cando Xavier Domingo redactou a lapela debía estar baixo os efectos dalgunha substancia algo tóxica. Digamos, de pasada, que a tradución española é máis que correcta, pero foi debido, sobre todo, ás correccións que lle fixo o encargado da edición, Juan Cerezo, actual director de Tusquets Editores. E engadamos que a versión española deste libro de Péret pasou case que completamente desapercibida. Na prensa barcelonesa, que eu saiba, só saíu unha ampla recensión (páxina enteira) do libro e da figura de Péret en El Periódico de Catalunya, asinada… por quen isto asina.

Neste pequeno libro, no que se narran as aventuras do vizconde masturbador, hai un poema que é, claramente, un antecedente do poema de Dolors Miquel. Non queremos dicir con isto que a poeta catalá se basease neste poema de Péret, nin mesmo que coñeza a Péret como poeta, menos, claro, como narrador, ideólogo e/ou revolucionario, só afirmamos que hai coincidencias, de forma e de fondo. Vexamos este poema, en versión (literal) galega:

Pixanosa que estas na cona
Que o noso cu sexa furado
Que o teu leite corra
Que os teus collóns se baleiren
nas bocas como outros lugares
Danos a nosa mamada de cada día
apáxanos o cu
como facemos cos con que nos apaxan
e métenola moi dentro
Así pixa.

A forma, como XGG Péret Tanguy 2se decatará o lector, é case a mesma que a do poema de Dolors Miquel, e nunha versión máis libre, baseada no Pai Noso cristián, a semellanza formal aínda sería maior. Como curiosidade, digamos que no 2005, en diversas localidades da provincia de Girona (non sei se tamén noutras provincias de Cataluña) se proxectou un vídeo, imaxes de Cristina Casanova e música de Pelayo Arrizabalaga, titulado: Una versió a l’entorn del Pare Nostre de Benjamin Péret. Neste libriño, altamente recomendábel, por non dicir que de lectura obrigatoria, hai outros poemas que, ideoloxicamente, se achegan ao de Dolors Miquel, aínda que, talvez, en realidade se afasten:

Virxe María
en quen me mexo
despois de foder
douche polo cu
cómocha
como un porco.

Por outra banda, hai versos cuxos xogos “fonéticos” fai que sexan intraducíbeis, xa que en moitos poemas ou cantos (ou mesmo cánticos, no sentido relixioso do termo), se xoga coa fonética de vierge (virxe) e verge (verga, pixa), polo que recomendamos ao lector interesado a edición francesa: ô verge, ô verge Douce et grande verge, etc.

Para acabarmos, cabe preguntarse a que veu tanto “escándalo” e indignación polos versos de Dolors Miquel. Acho que o lector ten xa a resposta: a moitas forzas, de dereita, de extrema dereita, socialdemócratas, centristas e, mesmo algunhas tendencias incrustadas non só en denominados partidos nacionalistas (estamos a falar do Estado Español), senón tamén en forzas que se autodenominan de esquerda transformadora e mesmo de extrema esquerda, que teñen medo, terror, a que a muller, finalmente, sexa dona non só do seu corpo, senón tamén das súas palabras, do seu pensamento, da súa historia. Dentro destes parámetros habería que colocar todos estes escándalos, xa que se o “autor” fose un home non pasarían de ser pequenas noticias de axencia, con protestas dalgunha asociación dereitista de pais de familia –anoten ben, pais de familia– ou de relixiosos, xa que, como se sabe, toda relixión ten como lema central que quen non está con ela está contra ela.

En fin, estas liñas querían ser, antes de nada, unha lembranza: a de Péret e, de paso, a do seu ilustrador, Yves Tanguy, e lembrar o que dicía Andre Breton a falar dos surrealistas: “En materia de rebelión, ningún de nós ten necesidade de devanceiros”. As mulleres tampouco.

Esta entrada foi publicada en Benjamin Péret, GSG, Referentes, Xesús González Gómez e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Pais nosos singulares e diferentes, por Xesús González Gómez

  1. Pingback: Censura contra os libros en Europa, hoxe | BiosBardia

  2. Pingback: Pai noso, por Xesús González Gómez | Xalundes

Os comentarios están pechados.