Pai noso, por Xesús González Gómez

Se, como comentábamos na anterior entrega, un precedente (ou devanceiro) do poema de Dolors Miquel, que foi denunciado por unha denominada Asociación de Avogados Cristiáns, e que o xuíz, apelando ao sentido común, arquivou con todas as da lei, puido ser o «Pai noso…» de Benjamin Péret, do que dabamos a tradución, poden existir outros precedentes, se que é que a poeta catalá os coñece. Son poemas de poetas franceses abondo coñecidos. Un do século XIX e inscrito polos estudosos dentro do simbolismo: Jules Laforgue. Outro foi durante un tempo membro do grupo surrealista e despois de 1930 coñecido autor de guións cinematográficos; como poeta deuse a coñecer a partir de 1945, alcanzado durante moitos anos un éxito máis que considerábel, e non só dentro das fronteiras do seu país, senón tamén no mundo occidental e non sei se noutros lugares: Jacques Prévert.

O poema de Laforgue apareceu por vez primeira en 1970, ano en que da man de Pascal Pia se publicaba a edición das súas poesías no Libre de Poche (nº 2019). Velaí o poema de Laforgue, coas variantes, xa que existían dous manuscritos na Biblioteca de Jacques Doucet, de onde os tirou do seu sono o citado Pascal Pia:

Pequena oración sen pretensións

Pais Nosos que estades no ceo…
Paul Bourget

Pai Noso que estás no ceo (oh, alá enriba),
Infinito que es tan inconcebíbel
Dános o pan de cada día… –Oh, mellor
Déixanos sentar un pouco á Túa Mesa!
Di! Considérasnos aínda pobres nenos
A quen se deben esconder as Cousas Serias?
E a Túa Vontade só admite escravos
Así na terra como no ceo?…
aaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaa –É asoballante!
Polo menos non nos induzas, cos teus sorrisos,
A caer na tentación de beixar o teu corazón!
E déixanos en paz, mortos para os mundos mellores,
Pacer, no noso curruncho, e fornicar, e rir!…
Pacer, no noso curruncho, e fornicar, e rir!…
(Variantes:
V. 1: Pai Noso que estas no ceo, por alá enriba
V. 2: Oh Infinito que es tan inconcibíbel!
V. 5: Di? Considérasnos recentemente nacidos
aaaa Di? Considérasnos simples nenos
aaaa Di? Considérasnos simpáticos nenos
v. 8: Así na terra como no ceo, no infinito?
aaaa Así na terra como no ceo? –É infinito
aaaa Así na terra como no ceo? Do ar
V. 9: Entón, non nos induzas, cos teus sorrisos
V. 11: E déixanos en paz, xordos aos mundos mellores.

E esta é a nosa versión do poema de Jacques Prévert, incluído no seu libro Paroles:

Pater Noster

Pai noso que estás no ceo
Queda alá
E nós quedaremos na terra
Ás veces tan linda
Cos seus misterios de Nova York
E os seus misterios de París
Que ben valen os da Trindade
Coa pequena canle de Ourcq
E a gran muralla de china
E o río de Morlaix
E os caramelos de Cambrai
E as dúas fontes da Tulleries
Cos nenos bos e os tipos malos
Con todas as marabillas do mundo
Que están aquí
Simplemente na terra
Ofrecidas a todo o mundo
Ciscadas
Marabilladas elas mesmas de ser tales marabillas
Sen se atrever a confesalo
Como unha mociña núa non se atreve a se mostrar
Coas espantosas desgrazas do mundo
Que son lexión
Cos seus lexionarios
Cos seus torturadores
Cos amos deste mundo
Os amos cos seus cregos e os seus traidores e os seus mercenarios
Coas estacións
Cos anos
Coas nenas bonitas e os vellos mamóns
Cos xergóns da miseria a podrecer nos aceiros dos canóns.

Esta entrada foi publicada en GSG, Jacques Prévert, Jules Laforgue, Poemas, Referentes, Traducións, Xesús González Gómez e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.