Dúas homenaxes da ultraesquerda a Benjamin Péret, por Xesús González Gómez

Non imos nós, aquí e agora, descubrir, nin describir, a traxectoria política de Benjamin Péret. Guy Prévan, quen mellor, até o de agora, estudou a Péret como «político (véxase tanto o seu Péret Benjamin, révolutionnaire permanent, Paris, Éditions Syllepse, 1999, como o limiar que lle puxo ao volume 5 das obras completas do poeta: «Poète, c’est-à dire révolutionnaire», Benjamin Péret, Ouvres complètes 5. Textes politiques, París, José Corti, 1989, edición a cargo do dito Prévan e mais Gérard Roche, p. 3-15), diciamos, Prévan, quen mellor ten estudado a traxectoria política de Péret, divide, no devandito volume das Obras Completas, a vida política de Péret, da seguinte maneira: 1927-1942: Baixo a bandeira de Trotski; 1943-1948, Prévan (e Roche) non indican nada, aínda que os escritos políticos agrupados neste apartado podían ter o título de «Revisión de Trotski» ou «Proceso de clarificación»; 1949-1954: unha experiencia de ultraesquerda; e 1955-1959: Un militante illado. En xeral, a división é correcta, aínda que se podería matizar algunha cousa. Non o faremos hoxe.
Na súa última xeira política, a que Prévan-Roché denominan como «militante illado», Péret coincidiu ás veces con anarquistas e outras cos trotskistas (tendencia Lambert), e outras co grupo de «Socialisme ou Barbarie» (Castoriadis, Claude Lefort, J. F. Lyotard, Gérard Génette, etc.), cos que mantivo conversas e reunións, como se pode tirar da correspondencia de Péret e tamén do testemuño de Castoriadis (1). O certo é que desde 1948, cando rompe co trotskismo ao continuar este coa súa ladaíña de «Estado obreiro dexenerado» para clasificar ou definir á URSS –para Péret e o seu grupo, como para os anarquistas, os consellistas, para «Socialisme ou Barbarie», a URSS só era unha formación capitalista-burocrática–, a posición de Péret podiámola definir como «peri-trotskista»; é dicir, non trotskista mais apelando ás veces a Trotski, non ás diferentes seitas que compuñan a IV Internacional (algúns membros da IV Internacional nunca perdoaron a Péret, velaí o que escribe, nun traballo cheo de acertos e tamén de insensateces, Michel Lequenne en «Surrealismo e comunismo», André Breton, León Trotsky, Diego Rivera, Por un arte revolucionario independiente, Barcelona, El Viejo topo, 1999, edición de José Gutiérrez, p. 213-241: «No es exagerado decir que el papel jugado por Péret en las relaciones entre el surrealismo y la IV Internacional ha sido considerable –dada especialmente la influencia que tenía sobre Breton– y desgraciadamente negativo». Lequenne, que é un home intelixente, que pertenceu ao grupo surrealista despois da morte de Breton e da «disolución do surrealismo» decretada en 1969 (desde as páxinas de Le Monde!) por Jean Schuster, aquí, traducindo unha expresión catalá, «mexa fóra do testo». Lequenne, por outra parte, é autor da introdución ao libro de Vincent Bounure L’évenement surréaliste é autor dun escrito contra o enfermizo libro de Xavière Gauthier, Surrealiste et séxualité, de lectura obrigatoria (2). (Cómpre lembrarmos tamén que Lequenne, membro do Partido Comunista Internacional, trotskista, interveu oblicuamente na polémica co grupo para-surrealista RuPTuRe, a favor da reconstrución dunha Federación Internacional de Artistas Revolucionarios Independentes –FIARI–, fundada antes de 1940 por Trotski, Breton e outros –véxase a polémica con este grupo en Tracts surréalistes et déclarations collectives, Tome II: 1940-1969, París, Le Terrain Vague, 1982, «Ni aujourd’hui, ni de cette manière», p. 250-252 e p. 415-419, que inclúe a carta enviada por Lequenne ao grupo surrealista.) En fin, non é hoxe en día para rifar, e, por tanto, manteñamos a guerra en paz, outro dia falaremos da lenda do surrealismo trotskista, sen negar, evidentemente, que moitos trotskistas pertenceron ou pertencen ao movemento surrealista; e que moitos que foron trotskistas, logo de abandonaren o trotskismo, mantiveron as súas simpatías polo surrealismo, etc.
Péret, na súa última etapa política, aínda que era membro do Fomento Obrero Revolucionario, fundado co seu amigo Munis (Manuel Fernández Grandizio) (3), mantivo vínculos non só con «Socialisme ou Barbarie», senón tamén con diversos grupos anarquistas e lateralmente con algún trotskista. Dos grupos anarquistas cos que mantivo relación Péret, un dos máis interesantes foi o formado polo colectivo que publicaba a revista Noir & Rouge, que á súa vez –os membros da revista– tamén mantiveron contactos con «Socialisme ou Barbarie» e outros colectivos. En Noir & Rouge cruzáronse xentes vidas de todos os horizontes, como afirma Christopher Bourseiller, na súa informativa, parcial e moitas veces equivocada mais sempre útil e apaixonante, Histoire Général de l’Ultra-gauche (4): Octavio Paz, Yvon Bourdet, Octavio Alberola, Jean-Jacques Lebel, Frank Mintz, etc., sen esquecermos Paul Rassinier, pai de todos os historiadores e ideólogos de ultra-esquerda negadores do holocausto xudeu perpetrado polos nazis.
Non imos refacer aquí a historia nin de «Socialisme ou Barbarie» non de Noir & Rouge, nin por suposto da ultra-esquerda francesa, na que se cruzan as vidas políticas de diversos surrealistas ou exsurrealistas, ou homes e mulleres que admiraban o surrealismo aínda que non formasen parte do grupo, ou que algunha vez asinaron algunha declaración do grupo, como Serge Bricianer (5) (o introdutor de Panekoek en Francia e membro de L’oiseau-têmpete), que asinou a declaración «Ruptura inagural», ou que formou parte do grupo durante un tempo, como Louis Janover, etc.; ao libro de Bourseiller remitimos ao lector.
Aquí só queremos entregar as homenaxes, cando a súa morte, a Péret por parte de Socialisme ou Barbarie e de Noir & Rouge, e lembrar que os voitres sempre están á espreita de se lanzaren sobre o cadáver do poeta.

CAMARADA BENJAMIN PÉRET
«Obsequias nacionais», «Morto por Francia», «Partido dos fusilados» (6), «Mártires de Chicago»: os pobos, as seitas, as tribos, os partidos gustan da necroloxía. Saben moi ben tirar o máximo proveito do menor cadáver desde o momento en que lle poden pegar a etiqueta de denominación controlada, «Francés», «P.C.F.», «Veterano do rexemento 121 de Infantaría»…
A prensa libertaria, en xeral, non escapa, ai!, a esta ximnástica político-sentimental e o lugar que consagra aos: «Que o teu sacrificio non fose en van, Albert…» e aos «As novas xeracións saberán mostrarse dignas do teu exemplo, Eugène…» en detrimento dos artigos e estudos de propaganda e de educación, testemuña máis o envellecemento da corrente anarquista que o seu dinamismo. Tal é, cando menos, o noso punto de vista sobre o tema.
No entanto, acaba de morrer un home que amamos.
Aqueles dos nosos lectores que non o coñezan deben saber que acaban de perder un camarada.
Benjamin Péret, poeta-militante revolucionario, morreu no hospital Boucicaut, en París, o 18 de setembro de 1959.
Por suposto, Péret é máis coñecido como poeta surrealista que como militante revolucionario, mais foi as dúas cousas –indisolubelmente.
Aqueles de entre nós que polo surrealismo abandonaron as praias burguesas para vir á Anarquía saben que Péret era poeta.
O surrealismo, descuberto por Breton, Péret e algún outros arriscaron un ollo na brecha que a bomba dada acababa de facer no muro do conformismo burgués, apareceu hai uns corenta anos.
Daquela Péret tiña 20 anos, 20 anos.
Despois de tomar distancia co nihilismo, moi rapidamente os surrealistas presentáronse no movemento revolucionario.
«Abride as prisións! Licenciade o Exército», claman desde o 15 de xaneiro de 1925 (La Révolution Surréaliste, nº 2).
Péret é dos que, querendo unha aplicación concreta das súas posicións políticas, entran en 1927 no Partido Comunista.
É tamén, con Breton, dos que, menos numerosos, cuxa ética revolucionaria non pode acomodarse aos zigzags e compromisos do P. C.
Abandonará o partido, deixando que Aragon e Éluard fagan nel o seu agosto.
Péret, paralelamente aos seus textos políticos, asina moitas proclamacións do grupo surrealista:
–Contra a exposición colonial de 1931, cando se acaba de deter a un militante annamita (7).
–Pola solidariedade obreira internacional coa revolución española de 1931 (8).
–Contra a racionalización do traballo nas fábricas Renault (9).
–Pola unidade de acción obreira contra o fascismo, o 6 de febreiro de 1934 (10).
–Etc., etc…
Desde o 20 de xullo de 1936, Péret está entre os que achegan a súa adhesión total á revolución obreira española, multiplicando os chamamentos á formación de milicias proletarias, denunciando a traizón que constituía a «non-intervención».
Finalmente, Péret tomará o seu lugar nas filas da Columna Durruti, converterase nun militante da C.N.T.-F.A.I. (11).
Despois da guerra, o grupo surrealista colabora durante un certo tempo en Le Libertaire (12), da Federación Anarquista. Conxuntamente con Breton, Schuster, Valorbe, Legrand, etc…, que nos achegan textos poéticos ou de crítica artística, Péret dábanos un estudo A Revolución e os sindicatos (nº 321 a 326 inclusive) (13), contribución importante á comprensión dos problemas obreiros de posguerra.
Péret analizaba a función contra-revolucionaria dos sindicatos dexenerados, absorbidos polo capitalismo e opúñalles a revolucionaria dos consellos obreiros elixidos no lugar de traballo e revogábeis en calquera momento.
Máis recentemente, formuláranos as súas críticas a respecto do noso nº 7-8 (O Nacionalismo), preocupado como estaba pola colaboracións construtivas das distintas tendencias revolucionarias. (Ver a súa carta, aparecida coas súas iniciais B.P., N. & R. nº 9, p. 89 a 92 inclusive) (14).
Péret reclamábase da tendencia marxista «Comunista dos consellos».
Isto non pode de maneira ningunha impedirnos consideralo como un dos NOSOS (Que non se nos faga a inxuria de ver nisto unha tentativa de anexión!).
Dos nosos, menos talvez porque combatera baixo a bandeira negra e vermella en España, que porque toda a súa vida foi un militante da liberdade, sabendo en todo momento e en todo lugar recoñecela, combater os seus erros, denunciar os seus chulos.
Péret era o tipo mesmo de home dos que a revolución ten a maior necesidade. Sen ilusións, lúcido, acreditaba na Vida, na «verdadeira vida», fuxindo da certeza dos fanáticos como da desesperanza dos nihilistas. Sólido.
Falar da revolución con Péret, e o voso pesimismo ou o voso entusiasmo derretíase, fixábase nun lingote de convicción tranquila mais intratábel.
Se a Revolución e a Poesía estaban para el indisolubelmente ligadas, é que Benjamin Péret vía na poesía «o verdadeiro alento do home», «a fonte de todo coñecemento e este mesmo coñecemento»; «Chámase aquí amor, alá liberdade, noutra parte ciencias», dicía el, e con efecto era grazas a esta concepción e ao libre exercicio do seu espírito, que como verdadeiro poeta soubo con coherencia e sen desfalecementos, darnos a imaxe dun home en que toda a potencia creadora e liberadora puido realizarse.
Nunha época en que, por uns poucos cartos, os artistas seguen a moda que for; en que, por un pouco de «honras», militantes obreiros sentan nos colchóns verdes dos comités paritarios; en que, por un posto de «permanente», os revolucionarios enganan á Revolución permanecendo no Partido Comunista, un tipo como Péret é un sopro de ar puro.
Porque se a súa modestia, a súa pobreza, a súa dignidade privárono dos grandes órganos da fama, non é menos certo que a obra poética de Péret fica unha das máis fermosas que existen.
E se aínda é pouco coñecida, demasiado pouco recoñecida, é porque a burguesía e a súa prensa o rodean cun muro de silencio, sabendo que Péret non era da madeira co que se fan os Aragon e os Dalí…
Máis perto de nós, no seo mesmo do movemento libertario, algunhas «personalidades» anarquistas farían ben en meditar o exemplo de Péret. El tiña xenio, eles non teñen nin talento. El non cultivaba o «eu» como unha planta preciosa. El era Obreiro do Libro (si!) mentres que eles son pequenos patróns ou comerciantes. Nas asembleas de militantes obreiros escoitaba e, cando interviña, era fraternalmente, con concisión e claridade, como camarada… mentres que os nosos pequenos «pensadores» cultivan o xénero paternalista, elixindo as súas palabras no vocabulario dos axudantes de notario, xogan á «elite», pavonéanse…
Si, Péret, que lección para todas estas xentes! Pero máis aínda que fonte para volvernos encontrar, cando a esperanza nos abandona, co gusto mesmo da liberdade, a forza de loitar por ela –sempre e en todas as partes.
En verdade, dígovolo, camaradas que non tivestes a felicidade de achegarvos a Péret: era alguén o autor de «Eu non como dese pan».
Nunca o tocou.

SCHUMACK
Noire et rouge. Cahiers d’études anarchistes et révolutionnaires, nº 14, inverno 1959, p. 29-32.

*

Na revista Socialisme ou Barbarie, no número 29, que correspondía ao trimestre decembro 1959-febreiro 1960, a homenaxe a Péret era máis ampla que na revista anarquista. Primeiro é unha editorial da revista (do grupo) sobre Péret, logo un pequeno artigo de Jean-Jacques Lebel, que pertenceu durante un tempo ao grupo surrealista –era o fillo do Robert Lebel e foi compañeiro de aulas de Aube, a filla de Breton, nos USA, durante a II Guerra Mundial: con quince anos formaba parte do grupo– e, finalmente, a reprodución de A deshonra dos poetas, do propio Péret.
Máis que ver o seu nome nos xornais franceses, máis que velo en revistas como Preuves ou outras, onde amigos ou coñecidos seus como Aimé Patri ou Michel Carrouges lle renderon homenaxe, pensamos que Péret, ese que, como di Lebel, marchou sen deixar enderezo, estaría máis contento de ver o seu nome nestas dúas revistas militantes, de curta tiraxe, e Noir & Rouge a ciclostil, que nos grandes medios de comunicación galos.
Agora que estamos a piques de acabar o ano en que se conmemora o 80 aniversario do alzamento fascista contra a legalidade republicana, agora, mentres podemos lembrar que Péret hai xusto oitenta anos estaba en terras españolas loitando contra o fascismo, ben vale todo isto esta pequena homenaxe. [Aquí pode descargarse a versión orixinal do número 29 da revista: Socialisme ou barbarie número 29.]

Á MEMORIA DE BENJAMIN PÉRET
O noso camarada e amigo Benjamin Péret xa non está. Con el, o movemento revolucionario perdeu, en setembro de 1959, un dos rarísimos espíritos creadores que, durante toda a súa vida, rexeitou transformar o seu alento en cartos, premio Goncourt ou Stalin e cócteles en Gallimard. Péret ficará para nós un exemplo, porque garantiu a súas ideas pola súa existencia non soamente nalgunha circunstancia excepcional, senón día tras día durante corenta anos, polo seu rexeitamento a cotío renovado de aceptar o menor compromiso coa infamia burguesa ou staliniana.
A prensa burguesa e «progresista» intentara enterralo baixo o seu silencio mentres estaba vivo; intentou aínda mutilar o seu cadáver ao falar del co gallo da súa morte, como se Péret non fose máis que un literato. Mais o que é a «literatura» para estes señores era aos ollos de Péret unha abominación. Ficara, con André Breton, un dos raros surrealistas de primeira hora para quen o surrealismo gardara integralmente o seu espírito revolucionario, unha negación non soamente de tal forma da literatura, senón da literatura e do literato contemporáneo como tales. A revolución na cultura era para el inseparábel da revolución na vida social e inconcibíbel sen ela. E esta unidade da loita pola liberación espiritual e material do home non ficou en Péret un desexo ou unha profesión de fe. Penetrou á vez a súa obra de escritor e a súa vida. Militante do Partido Comunista cando este merecía aínda este nome, vinculouse moi cedo á Oposición de Esquerda reunida arredor de Trotski. Combatente durante a guerra de España, foi conducido pola experiencia do stalinismo a revisar as ideas de Trotski e a comprender que non subsistía nada, en Rusia, do carácter proletario da revolución de outubro. Foi así conducido a criticar violentamente as posicións do trotskismo oficial, en O manifesto dos eséxetas, folleto publicado en México en 1945. despois da súa ruptura co trotskismo, acontecida definitivamente en 1948, continuou, cos seus camaradas franceses e españois, os seus esforzos para a reconstrución dun movemento revolucionario sobre novas bases.
Semellounos que a mellor maneira de honrar a súa memoria era reproducir aquí A deshonra dos poetas (15), publicado en México en febreiro de 1945 e que aínda é pouco coñecido en Francia, porque ao mostrar neste texto que os valores máis elevados da poesía e da revolución, lonxe de se oporen, converxen, mostrando como a prostitución ao chauvinismo conduciu os Aragon e os Éluard a traizoar á vez o proletariado e regresar aos canons burgueses da beleza, Péret expresa á vez a verdade da súa propia vida e o que, desta vida, debe permanecer para nós un exemplo imperecedoiro.

Socialisme ou Barbarie
Socialisme ou Barbarie. Organe de critique et orientation révolutionnaire, nº 29, decembro 1959-Febreiro 1960, p. 91-92.

Partido sen deixar enderezo
«A filosofía comeza pola ruína dun mundo real»; a poesía tamén.
A expresión «á marxe» aplícase perfectamente a Benjamin Péret, que non tomou parte desde 1922 «na vida cultural e política francesa» máis que para empregarse en arruinala, até a última da súas enerxías. Esta vida non é, nas súas formas tradicionais de literatura comercial, de parlamentarismo e de colaboración de clases, máis que un conxunto de concesións –de nulo alcance revolucionario– feitas á sociedade. Péret loitou até o final contra as ideoloxías burguesas e pseudo-socialistas, contra os dogmas cristiáns e stalinianos, contra a escravitude e a tecnocracia… por unha arte revolucionaria independente. Non era nin reformista nin místico (e nisto distinguíase dos «intelectuais de esquerda»), non era deses literatos para quen a preponderancia do imaxinario sobre o social abondaría para enmascarar o infinito absurdo do mundo actual. O seu desprezo por toda especie de realismo, en arte, era tan radical como o seu desdén polos egomaníacos perdidos na contemplación do seu embigo; non lexitimaba o mundo tal cal é, e non tentaba tampouco mudalo só para el, ollando a outra parte.
Á unión, tan desexada por Breton, de Marx e de Rimbaud nunha soa forza, talvez sexa Benjamin Péret o único que lle consagrou toda a súa existencia: foi á vez un marxista e un gran poeta. A súa integridade, o rigor da súa conduta e dos seus xuízos, a súa abnegación, a súa violencia, o seu apetito, a súa ollada de neno, a súa tenacidade, o seu humor, a súa tristeza son xa lendarios. Aínda que ningún xornal saudaba co menor solto a aparición de libros tan importantes como A deshonra dos poetas, Lume central, Morte aos polis e aos campos da honra, etc…, a súa morte suscitou, como por azar, un grande interese nestes señores de L’Aurore, de Les Lettres Françaises, de France-Soir, de Libération, de Le Figaro Littéraire (16). Mesmo horizonte, mesmo método: agora que morreu, admírano.
O outro día polo serán, no cemiterio de Batignolles, no enterro deste amigo insubstituíbel sen o cal moitos dos que estaban alá para saudalo por derradeira vez non serían o que son, pensei que a única homenaxe digna del sería facer caligrafar por un avión, en vermello e negro, por riba de París, este epígrafe de Trotski: «A Revolución debe conquistar para todos os homes o dereito non soamente ao pan, senón tamén á poesía».
É unha promesa que manteremos.

Jean-Jacques Lebel

Socialisme ou Barbarie. Organe de critique et orientation révolutionnaire, nº 29, decembro 1959-Febreiro 1960, p. 93-94

NOTAS
(1) Nunha entrevista realizada por P. Dews e P. Osborne, publicada en Radical Philosophy, nº 56, outono de 1990, Castoriadis di a propósito do surrealismo: «Non era para min un mundo completamente descoñecido, había algúns surrealistas gregos e interesábanme en gran medida; mais souben de verdade do que se trataba ao chegar a Francia […] De todos os xeitos, Breton foi, con seguridade, unha das persoas que máis contaron para min naquela época, en Francia. Mais houbo tamén outros surrealistas que desempeñaron un papel, como Benjamin Péret, que estivo vinculado a Socialisme ou Barbarie, e publicamos, ademais, un texto se una revista [trátase de A deshonra dos poetas]; ou o mozo Jean-Jacques Lebel, que mantivo estreita relación connosco», citado por Enrique Escobar, Myrto Gondicas e Pascal Very, no posfacio a Cornelius Castoriadis, Ventana al caos, México D.F., Fondo de Cultura Económica, 2008, p. 143. (Todas as notas son miñas, xgg)
(2) Teño na miña biblioteca o libro colectivo, publicado en español, que inclúe este artigo de Lequenne: infelizmente non o dou encontrado para poder dar a referencia.
(3) Unha vez morto Péret, G. Munis, publicou, baixo a chancela de Le Terrain Vague, o borrador do libro que redactara conxuntamente con Péret, Pour un seconde Manifeste comuniste, París, Éric Losfeld, 1965, edición bilingüe francés-español; existe versión portuguesa, Por um Segundo Manifesto comunista, Amadira, Editorial Fronteira, 1975, tradución de Serafím Ferreira.
(4) París, Denöel, 2003. Bourseiller completa o retrato político de Péret a partir dos traballos de G. Prévan.
(5) Entrando no cotilleo, digamos que Bricianer, romanés de nación, tivo unha liaison durante un tempo coa muller do poeta surrealista Gherasim Luca, o que produciu a este unha forte depresión.
(6) Así se denominaba o Partido Comunista Francés despois da liberación de Francia da pouta nazi.
(7) Non visitedes a exposición colonial (N.d.T.)
(8) Ao lume! (N.d.T.)
(9) A A.E.A.R. inclínase diante das vítimas e apela aos correspondentes obreiros (1933) (AEAR –Asociación de Escritores e Artistas Revolucionarios, ao final controlada polo Partido Comunista (N.d.T.)
(10) Chamamento á loita, Aos traballadores (N.d.T.)
(11) Como sabe o lector, nun principio Benjamin Péret estivo nas Brigadas do POUM, mais farto da burocracia e da hostilidade deste partido, seguindo as consignas do seu Partido (POI, Parti Ouvrier Internationaliste) pasouse ás filas anarquistas.
(12) As colaboracións dos surrealistas neste semanario anarquista, que non se limitaron a críticas de arte ou de poesía, están recollidas en José Pierre, Surréaliste et anarchie: les “billets surréalistes” du Libertaire (12 octobre 1951-8 janvier 1952), París, Plasma, 1983. Ora, o lector pode encontralos na colección de Le Libertaire colgada na rede.
(13) O titulo exacto é Os sindicatos contra a Revolución, o lector pode atopar a súa versión galega nesta mesma web.
(14) Esta carta de Benjamin Péret está incluída no vol. 7 das súas Oeuvres complètes, París, Librairie José Corti, 1995, p. 187-190, co título «Nationalisme ou anarchisme».
(15) Deste texto de Péret existen dúas versións galegas, unha en Xesús González Gómez, Manifestos das vangardas europeas, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 1995, p. 188-195; e outra de Xoán Abeleira, publicado, cun texto introdutorio seu, no número 616 da Revista das Letras (27 de abril do 2006).
(16) Desde 1948 Péret militaba nunha formación revolucionaria española (Fomento Obrero Revolucionario). Isto non impediu aos xornais falanxistas madrileños cubrilo de loanzas… póstumas.

Esta entrada foi publicada en Benjamin Péret, GSG, Referentes, Traducións, Xesús González Gómez e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Dúas homenaxes da ultraesquerda a Benjamin Péret, por Xesús González Gómez

  1. Pingback: Dúas homenaxes máis a Benjamin Péret, por Xesús González Gómez | Xalundes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *