Simone Kahn, dite Simone Breton et puis Simone Collinet e Nora Mitrani: Addenda (II), por Xesús González Gómez

Na anterior entrega demos os novos traballos, artigos, de Simone Kahn que encontramos en diversos boletíns ou revistas da prensa esquerdista francesa e española (catalá neste caso). Nesta segunda e derradeira entrega até nova orde, é dicir, até que poda dar con novos traballos de Simone Khan ou de Nora Mitrani, entregamos catro traballos, tres recensións e un pequeno artigo, de Nora Mitrani, todo sobre os temas da súa profesión, é dicir, sobre socioloxía. As recensións apareceron na Revue Française de Sociologie e o traballiño mencionado en Arguments.
Declaremos, no entanto, que na Revue Française de Sociologie, Mitrani publicou catro recensións, mais unha delas, a dedicada ao libro de P. A. Sorokin e W. A. Lunden, Power and Morality. Who shall guard the guardians?, aparece na súa reprodución en persee.fr cun amplo borrón negro que tapa case a metade da recensión, polo que preferimos non traducila a traducila parcialmente. Vexamos, xa que logo, estes escritos de Nora Mitrani.

TRAITÉ DE SOCIOLOGIE publié sous la direction de Georges GURVITCH. Tome I: 1) Introduction; 2) Problèmes de sociologie générale; 3) Problèmes de morphologie sociale; 4) Problèmes de sociologie économique; 5) Problèmes de sociologie industrielle. Paris. Presses Universitaires de France, 1958. VIII+516 p. 19,60 NF (Bibliothèque de Sociologie contemporaine.)
Este Traité de sociologie, obra colectiva publicada baixo a dirección de G. Gurvitch, constitúe o primeiro dos dous volumes dunha obra destinada a reflexionar sobre a situación presente da socioloxía e os seus eidos de aplicación. Non se podería abordar a especificidade destes eidos sen previamente cuestionar a problemática mesma da socioloxía, ciencia relativamente nova, última recentemente chegada, pero tamén a máis complexa de todas, como subliña G. Gurvitch na introdución do presente Traité. En razón mesma desta complexidade, concédese un amplo lugar (as dúas primeiras seccións) a unha problemática encarada baixo todos os seus ángulos: cuestións de definición e de método, nacemento e itinerario da socioloxía, relacións a miúdo polémicas cos outras ciencias do home, problemas de orde técnica respecto á investigación, problemas finalmente de socioloxía xeral suscitados por unha concepción da realidade social respectuosa á vez da súa textura e do seu dinamismo.
Despois de expor e de criticar, no primeiro capítulo, un certo número de definicións xulgadas quer demasiado formalistas, quer de carácter demasiado exclusivamente culturalista, quer dunha maneira xeral insuficiente en canto á delimitación do dominio específico da socioloxía e a apropiación dialéctica dos seus problemas, G. Gurvicth intenta á súa vez definir a especificidade da investigación sociolóxica tendo en conta o feito esencial de que aquí dominio e método están en relacións de implicación mutua, xa que non podería ser cuestión de delimitar este sen ao mesmo tempo precisar aquel.
A definición á que chega o autor de La vocation actuelle de la sociologie debe entenderse como a conceptualización dunha apropiación extremadamente concreta, a do «drama perpetuo» que se xoga no interior de toda realidade social: drama dos fenómenos sociais totais cuxa unidade indisolúbel é o foco de todas as significacións humanas, esforzos colectivos, condutas renovadoras; drama dos escalonamentos ou relanzos en profundidade de fenómenos sociais totais, cuxa xerarquía varía segundo o tipo de agrupamento; drama entre o global e o parcial, entre tal agrupamento particular e a estrutura global en que se insire; drama finalmente, ou tensión, das propias estruturas sociais, de maneira ningunha momificadas, mais en vía perpetua de desestruturación e reestruturación… A aprehensión deste drama ou, se se prefire, dos procesos dialécticos cuxo teatro é a realidade social, esixe unha metodoloxía flexíbel, á vez reflictiva e ordenada do seu obxecto: é o método da tipoloxía cualitativa e discontinuísta ligada dunha parte á consideración do conxunto, doutra parte ao recurso a unha dialéctica empirista, o hiper-empirismo dialéctico definido por G. Gurvitch noutras publicacións (3).
Desde ese momento, o autor chega á definición seguinte: «A socioloxía é unha ciencia que estuda os fenómenos sociais totais no conxunto dos seus aspectos e dos seus movementos, captándoos en tipos dialectizados micro-sociais, grupais e globais a piques de se facer e de se desfacer». Esta definición, en certa medida, dirixiu toda a disposición deste Traité, a pesar das diverxencias, inelutábeis e por outra parte case sempre fecundas, de algúns dos seus colaboradores.
Despois deste primeiro capítulo consagrado ao obxecto e ao método, G. Gurvicth comenta, a voo de paxaro, os fitos máis relevantes da ruta percorrida pola socioloxía desde a súa fundación até as primeiras décadas do século XX, en Europa e nos USA.
Os tres capítulos seguintes sitúan á socioloxía en relacións coas outras ciencias sociais:
R. Bastide, despois de citar as tensións existentes entre socioloxía e psicoloxía, demasiadas veces vinculadas aos falsos problemas das relacións entre o individuo e a sociedade, indica as etapas americanas dunha colaboración crecente entre as dúas ciencias. Mais a psicoloxía social norteamericana, na medida en que porta o seu propio interese sobre a vida afectiva e emocional, descoidando os outros aspectos máis intelectualizados da consciencia, non permite unha verdadeira integración da psicoloxía e da socioloxía, integración que só comezara a se realizar con M. Mauss e o seu descubrimento dos fenómenos totais sociais inseparábeis dunha psicoloxía ela propia globalista das representacións e prácticas colectivas. As investigacións de Piaget e de Wallon, as da antropoloxía así como as informacións da socioloxía, tales como as nocións de reciprocidade das perspectivas de G. Gurvitch, aceleran os procesos de integración das dúas disciplinas ou, cando menos, o diálogo entre psicólogos e sociólogos.
– Se F. Braudel, no capítulo consagrado ás relacións da historia e da socioloxía, fala tamén da necesidade de estabelecer un diálogo e de acelerar a colaboración entre as ciencias, demasiado a miúdo rivais (sendo a primeira etapa a unificación do vocabulario), é aínda así desde o punto de vista do historiador convencido da preeminancia dos relanzos históricos (microhistoria, historia conxuntural, historia estrutural) sobre os relanzos sociolóxicos, convencido tamén e sobre todo da preeminencia do tempo histórico sobre a gama de temporalidades de G. Gurvitch, a pesar de que cualifica a socioloxía de «acolledora, case fraterna». De feito, é sobre todo aos novos sociólogos que F. Braudel chama á orde, a eses «investigadores do vivo, a flor de pel da realidade social»: esíxelles colocarse na escola da historia e do seu movemento dialéctico propio. (No que se une, por outra parte, a certas críticas xa formuladas por G. Gurvitch.)
– Contrariamente a F. Braudel, sempre historiador, é, semella, en tanto que sociólogo (ou simpatizante sociólogo) que Georges Balandier examina as relacións da socioloxía coa etnoloxía ou a antropoloxía, esta última xulgada demasiado sistemática ao non ter moi en conta as desviacións sociais, equilibrios inestábeis que, igual aos nosos, existen tamén nas sociedades chamadas primitivas.
Os dous últimos capítulos desta primeira sección ou introdución están consagrados a problemas de metodoloxía, desde un punto de vista máis estritamente técnico (Problèmes de la statistique, por G.-Th. Builbaud; Téchniques de l’enquête sociologique, por G. Granai).
A segunda sección, enteiramente redactada por G. Gurvitch, desemboca sobre o segundo aspecto da problemática contida nesta obra: despois da definición do obxecto e do método, e da delimitación do eido específico da socioloxía, pásase revista aos problemas da socioloxía xeral válidos para todos os tipos de sociedade e de agrupamentos particulares. Trátase, precisa o autor, de lanzar «as bases teóricas da socioloxía» ou aínda de trazar «o seu cadro conceptual operatorio construíndo o seu campo específico de investigación». Estas páxinas constitúen un resumo moi apertado do pensamento sociolóxico de G. Gurvitch, esta socioloxía en profundidade exposta nas súas obras precedentes.
A socioloxía en profundidade, preocupada, como dixemos, de dar conta o máis fielmente posible dunha realidade social inestábel e copiosa, distingue a través desta relanzos ou escalonamentos sucesivos, do máis accesíbel ao menos accesíbel: a superficie morfolóxica ou ecolóxica, os aparatos organizados, os modelos sociais, sinais e signos colectivos, as condutas colectivas que se desenrolan fóra dos aparatos organizados, a trama dos roles sociais, as actitudes colectivas efervescentes e creadoras, finalmente as ideas e valores colectivos. A xerarquía destes relanzos non é inmutábel, varía en función das formas de sociabilidade (microsocioloxía), elementos compostos estruturados, os máis elementais do fenómeno social total, e diferentes tipos de agrupamentos particulares, clases sociais, estruturas sociais e estruturas sociais globais (macrosocioloxía). Non hai nin que dicir que a macrosocioloxía e a microsocioloxía están en constante relación dialéctica; por tanto, a xerarquía dos relanzos en profundidade das formas de sociabilidade imbrícase na dos tipos de agrupamentos, xerarquías a miúdo antagonistas, alterándose unha á outra case sempre.
No último capítulo desta segunda sección, o autor entrega as regras de explicación en socioloxía, orixinarias do recurso a un determinismo para o cal a explicación e comprensión non son máis que dous momentos dialécticos dun único proceso. Así serán estudadas as evolucións dos determinismos a través dos cadros sociais, estudo destinado de feito a revelar as astucias da liberdade humana, que se desliza a través das fallas e brechas das determinacións así captadas.
As tres últimas seccións do tomo I así como as cinco seccións do tomo II (en preparación), trataran dos eidos particulares de aplicación da investigación sociolóxica coa intención, semella, de progresar segundo o propio escalonamento dos relanzos en profundidade, do máis accesíbel ao menos accesíbel, do exame da tona exterior da sociedade e dos seus aparatos organizados (problemas de morfoloxía social, de socioloxía económica e de socioloxía industrial, tratados no presente volume) á análise dos elementos máis agachados, difusos, difíciles de aprehender (socioloxía das obras de civilización e problemas de psicoloxía colectiva, estudos a aparecer no segundo volume).
A concepción de conxunto deste Traité, a extensa gama dos seus colaboradores cuxas confluencias de pensamento ou as diverxencias non deixan de reflectir o clima efervescente das ciencias sociais nesta hora, finalmente as bibliografías seleccionadas que acompañan cada capítulo, fan de tal obra un útil indispensábel para toda investigación sociolóxica, calquera que sexa a súa orientación.

N. MITRANI
Revue française de sociologie, Vol, I, nº 1, xaneiro-marzo 1960, pp. 105-108.

Symposium on sociological theory, Edited by Llewellyn GROSS, Evanston, Row, Peterson and Co., 1959, IX, 643 p., index $ 7.25.
Llewlyn Gross, que iniciou nesta obra (e asinou un dos capítulos), «A edificación da teoría en socioloxía. Investigacións metodolóxicas», intenta estabelecer unha continuidade entre fundamentos teóricos claros e verificábeis e as orientacións xerais da investigación sociolóxica nacidas dos feitos. Os obxectivos propostos son os seguintes.
1º Introducir novas observacións ou crear novos esquemas de análise que superan o estrito dominio dos feitos.
2º Desenvolver e renovar as achegas metodolóxicas, inventar esquemas conceptuais destinados a abriren a vía a novas teorías.
3º Desenvolver formas lóxicas de exposición que equilibren as tendencias actuais, dando á formulación matemática unha importancia esaxerada.
4º Eeducir a preeminencia das teorías estruturo-funcionalistas mediante a correlación de novas variantes, porque a madureza sociolóxica está condicionada por unha maior diferenciación a nivel das teorías.
5º Evitar as discusións teóricas de carácter demasiado xeral, así como a discusión de teorías específicas situándoa á marxe dos cadros conceptuais máis amplos da investigación.
L. Gross desexa unha nova exploración dos conceptos de base da socioloxía americana; isto semella revelador da crise da explicación en socioloxía e da toma de consciencia tardía que suscita. Dito isto, a empresa é de envergadura. Gross intenta extraer a unidade de concepción subliñando os puntos sobre os que as diferentes análises converxen, se completan ou (máis raramente) se contradín. Os puntos de converxencia revelados poderían clasificarse en dúas categorías: uns son relativos ao propio proxecto da socioloxía; outros refírense máis directamente a problemas de método. Á primeira categoría pertencen as confluencias relativas á noción de valor considerada como obxecto de estudo das ciencias sociais; revélanse preocupacións similares de eficacia mediante a idea de que toda análise metodolóxica debe aferrarse a problemas humanos. Na segunda categoría, referente á metodoloxía, sitúanse as converxencias seguintes: análise e relación dos conceptos de base das teorías científicas por relacións de complementariedade, de contraste ou de polaridade; utilización de metáforas e de analoxías que conducen da evidencia de correspondencias á de isomorfismos; investigacións das implicacións lóxicas dos esquemas conceptuais utilizados; finalmente, o que parece de primeira importancia, pero, máis unha vez, demasiado tardío, problemática da pureza analítica e formal das ciencias sociais.
As nove partes da obra exploran, en principio, cada unha un concepto de base.
A orientación da investigación sociolóxica é totalmente tratada por C. Wright Mills. No capítulo relativo a «La professión de l’intellectuel», o lector achará, ás veces máis desenvolvidos, certos temas xa expostos en Sociological imagination (4). Wright Mills, máis unha vez, fai de «enfant terible» da socioloxía americana erguéndose contra «a inhibición metodolóxica e esixindo o compromiso persoal do home na obra. Ao estudante de ciencias sociais, aconsella a independencia de espírito e a febre da investigación: todo método debe ser determinado pola urxencia dun problema e a investigación apaixonada da súa solución.
A parte consagrada aos tipos sociais esboza o histórico da noción de tipoloxía ideal en socioloxía, pasando pola escola de Dilthey, o neo-kantismo de Rickert, a tipoloxía weberiana e finalmente as concepcións actuais de T. Parsons, R. K. Merton, etc.
Dous estudos son consagrados á orde social, tratando un sobre «Les définitions nominales et réelles dans la théorie sociologique», o outro sobre ás nocións de «Ordre, causalité et conjuncture». O autor, N. S. Timasheff, analiza con algunha rixidez o concepto de orde social que revela a uniformidade das condutas e a permanencia dos modelos sociais, logo examina as relacións da orde coa conxuntura comprendida en tanto que interacción dos fenómenos no tempo e no espazo.
Logo fálase do cambio social cos estudos de A. Edel sobre o «Concept de niveau dans la théorie sociale» e de H. Hart sobre «Théorie sociale et changement». A través das nocións de emerxencia, de enerxía social e da súa habilitación (engineering), de revolución, etc., formúlase aquí todo o problema da dinámica social
A parte referente á teoría funcionalista contén un dos máis interesantes capítulos da obra: o de Alvin Gouldner, «Réciprocite et autonomie dans la théorie funcionnaliste». Os conceptos de reciprocidade e de autonomía funcional están en relación cos graos de interdependencia das diferentes partes dun sistema. «A organización caracterízase polo conflito entre tensións centrípetas e as presións centrífugas, polo estabelecemento dun equilibrio entre a dependencia e a independencia das partes».
Na parte que trata dos modelos nas ciencias sociais, un dos tres capítulos, o de A. Rapoport, «La utilisation des modèles mathématiques dans las sciences sociales», constitúe ao mesmo tempo unha advertencia contra os procesos de simplificación excesiva introducidos por estes modelos.
Formalización da teoría, cos seus dous estudos, preséntase coma unha análise lóxica dos diferentes aspectos da linguaxe e só ofrece un interese sociolóxico abondo limitado.
Valor e construción teórica, manifesta as preocupacións prácticas das ciencias sociais americanas. Os autores formulan o problema da obxectividade e da eficacia do coñecemento sociolóxico. Para Werkmeister, as ciencias sociais están concernidas polo valores porque serven de base ás decisións e accións racionais.
Finalmente, a última parte está consagrada á socioloxía do coñecemento. Procedente de Mannheim ao que rende unha constante homenaxe, Kurt H. Wolf formula a problemática da socioloxía do coñecemento e desemboca no exame da comparación estabelecida por Merton entre a socioloxía do coñecemento concibida á maneira europea e o estudo americano dos mass-communications. O autor do último capítulo, G. Sjoberg, analiza o concepto de operacionalismo nas relacións coa socioloxía do coñecemento. A parte máis instrutiva é a análise das presións exercidas sobre a socioloxía a fin de que poña as súas técnicas ao servizo das grandes organizacións burocráticas.
Esta exploración dos conceptos e esta confrontación das investigacións da socioloxía americana presentan un interese certo, mais, fóra dalgunhas excepcións, tírase igualmente unha impresión xeral de formalismo, inherente talvez ao propio proxecto da obra. A relación entre a teoría e a aproximación empírica dos feitos pérdese a miúdo de vista en proveito dunha proliferación conceptual, non abranguendo realidades sociais tanxíbeis. A partir de aquí, podémonos preguntar se estes estudos, no canto de estabeleceren mellores relacións entre os feitos sociais e a súa conceptualización teórica, non contribúen máis ben, a pesar das intencións, a acusar máis o divorcio.

N. MITRANI
Revue française de Sociologie, Vol. I. , nº 4, outubro-decembro 1960, pp. 478-480.

BILLY, Jacques, Les techniciens et le pouvoir, Paris, Presses Universitaires de France, 1960, 127 p., 2 NF (Que sais-je?)
Este estudo intenta retomar a cuestión seguinte: nun país como Francia en que as forzas políticas e as estruturas económicas se afastan aínda bastante pouco dos modelos tradicionais, a tecnocracia constitúe xa ou pode converterse nun día próximo no poder dominante? Tomando a terminoloxía de Burnham, J. Billy identifica o poder tecnocrático ao poder «directorials» (técnicos situados á cabeza dos organismos de Estado e de moi grandes empresas).
Comeza examinando, de Saint-Simon a Burnham, os antecedentes do fenómeno tecnocrático, despois intenta definilo e indicar as condicións de desenvolvemento. Os capítulos seguintes están dedicados ao estudo das tendencias tecnocráticas da sociedade francesa desde 1939, marcando o réxime de Vichy unha etapa decisiva na evolución do poder político cara á tecnocracia de Estado dunha parte e cara ao corporatismo profesional doutra. Desde 1944, baixo a dupla influencia das nacionalizacións e do dirixismo económico, o poder directorial atinxiu sectores máis extensos da economía nacional, até se afirmar nos grandes negocios privados. Nas páxinas en que se analiza esta lenta «mutación tecnocrátrica» do sector privado decidido a se organizar e a se racionalizar sobre bases modernas, están entre as mellores páxinas desta obriña.
Na terceira parte esbózase unha morfoloxía do grupo dos directores e técnicos: datos estatísticos sobre os efectivos, a estratificación, a orixe social, etc. Finalmente, o autor intenta precisar as liñas de forza da nova sociedade francesa e máis particularmente o rol dos agrupamentos de «directores» face ás elites burguesas tradicionais e aos grupos de presión. É aquí que o seu pensamento manifesta algunhas incertezas procedentes da insuficiencia das súas definicións previas e especialmente desa simplificación excesiva que consiste en asimilar os directores aos tecnócratas. Non semella ver nin a infiltración da tecnocracia fóra dos sectores industriais, nin a súa colusión coas formas tradicionais do poder.

N. MITRANI
Revue française de Sociologie, Vol. I., nº 4, outubro-decembro 1960, pp. 493-493.

O outro escrito de Nora Mitrani que damos en tradución apareceu na revista Arguments. Esta foi unha revista creada por intelectuais ex-militantes do Partido Comunista Francés e intelectuais sen partido. Publicouse de 1956 a 1962 (o primeiro número é decembro 1956-xaneiro 1957). En principio foi bimensual, despois mensual e, finalmente, trimestral. A súa redacción estaba conformada por Colette Audry (curiosamente, unha compañeira de Simone Kahn na militancia na Gauche Revolutionnaire antes de 1939), Kostas Axelos, Edgar Morin, Roland Barthes, François Châtelet, Jean Duvignaud, F. Fejtö e engadíronse nomes como Dionys Mascolo, Pierre Fougeyrollas, etc. Por outra parte, nas súas páxinas colaboraron xentes que non pertencían ao grupo, de Octavio Paz a Michel Collinet, pasando por Michel Carrouges, Pierre Naville e a propia Nora Mitrani. [Lembremos que na redacción desta revista había homes como Edgard Morin –lea o lector a súa reivindicación do surrealismo en Amor, Poesía, Sabiduría, Barcelona, Seix & Barral, 2002; ou J. Divignaud quen sempre se confesou «discípulo» do surrealismo, véxase a entrevista que lle realizaron en 200 e publicada na revista fundada e dirixida por el, L’Internationale de l’imaginaire nº 12, Arlès, Actes du Sud, 2000.] de Nora Mitrani só unha colaboración, nun número monográfico dedicado ao fenómeno burocrático; número en que se reproduciron textos clásicos de Max Weber e Simone Weil e escribiron, entre outros, Georges Lapassade, Alain Touraine, C. Wright Mills, Robert Paris, Pierre Naville ou Claude Lefort, este como membro de Socialisme ou Barbarie. Entrega en que tamén colaborou Michel Collinet, o segundo marido de Simone Kahn. Era o número 17, correspondente ao primeiro trimestre de 1960. Velaí o que escribía a surrealista.

BUROCRACIA E TECNICIDADE

É certo que toda definición excesivamente formal, de tipo weberiana, da burocracia, manifesta hoxe máis que nunca unha mistificación: fínxese crer que a burocracia constitúe un mundo xeado, estraño á dinámica social, rexido por leis impersoais e fixas ás que se someterían os propios burócratas, calquera que for o seu rango xerárquico, mundo aliviado do poder de decisión, xa que logo apolítico e, polo tanto, irresponsábel.
Estas análises non corresponden xa aos feitos, non dan conta das novas formas de distribución do poder, nin nos países de capitalismo de Estado nin nos que subsiste a propiedade privada dos medios de produción. De onde entón que toda a literatura americana sobre a burocracia así como a reflexión de numerosos sociólogos europeos elixan aínda como punto de partida as análises weberianas? As razóns son múltiplas, a maior parte idénticas ás que levaran a Max Weber a esbozar dunha maneira tan formal a súa tipoloxía da organización burocrática. Na base existe a preocupación (estariamos abondo tentados de cualificala de metafísica) de se aferrar a unha realidade fixa, a un arquetipo, un modo de organización cuxo formalismo ríxido e cuxa racionalizade ofrecerían un certo número de vantaxes: universalidade (aplicábel a todos os tipos de agrupamentos funcionais, partidos políticos, sindicatos, empresas, hospitais, etc…), permanencia («os gobernos cambian mais os seus despachos permanecen»), en fin, vantaxe que deita directamente das dúas precedentes: só a organización burocrática aseguraría a eficiencia máxima, a realización da finalidade específica do grupo.
Nada podería quebrantar esta ilusión relativa á permanencia dos despachos: nin a nazificación da burocracia alemá coa chegada de Hitler, nin por exemplo a renovación casi total da burocracia rusa ao día seguinte da revolución de outubro, tan tenaz é o estereotipo dunha burocracia deshumanizada, transcendente aos individuos que a compoñen, é dicir, practicamente incorruptíbel. No proceso sempre aberto da burocracia, este pretendido carácter de incorruptibilidade será interpretado como un argumento de cargo (ausencia de flexibilidade) polos políticos de profesión, de descargo polos altos funcionarios repregados detrás do esquema clásico dunha burocracia coas mans atadas, encargada do bo mantemento dos mecanismos sociais, mais irresponsábel dos seus fallos.
Desde este punto de vista semella con efecto que as críticas de Marx da burocracia de Estado segundo Hegel, así como certas análises de Lenine de Trotski, implican xa un mellor achegamento ao fenómeno burocrático. Non obstante, as análises marxistas fican insuficientes: se teñen o mérito de pór de relevo a dependencia da burocracia á clase dominante, non indican a posibilidade dun paso da decisión política ás mans dos burócratas. Sen dúbida, demasiadas prohibicións de carácter ideolóxico frearon as súas reflexións. Polo que respecta a Lefort, o inicio do seu estudo (5) deixa esperar que delimitará a evolución do fenómeno burocrático, indicando as razóns da súa inserción na dinámica social e a súa apropiación progresiva do poder de decisión. Constata con razón que a burocracia é o foco dunha nova estrutura social, ou que nun partido de masas é da burocracia que emerxe case toda a dirección. Admitido isto, fica por precisar os carácter desta nova estrutura social e definir os modelos e símbolos que pesan sobre ela. Por que a burocracia tende a se apoderar do poder económico-político?
As análises de Lefort combaten a definición formalista da burocracia con armas, semella, que non dan completamente no albo, talvez porque certa ollada, ou xuízo, lanzada inicialmente sobre a burocracia na URSS, formaría aquí esa clase de pantalla que impide aprehender as determinacións profundas do fenómeno burocrático no seu conxunto. Con efecto, definir a burocracia como un grupo que «non é o que é na súa esencia máis que en virtude dunha actividade social ou conduta específica» e, por outra parte, non caracterizar esta conduta específica máis que como a vontade de persistir no seu ser, é dicir, de se vincular á clase dominante e perpetuar o seu poder, é substituír unha definición formalista por unha aserción previamente baleira de calquera contido específico, xa que logo, outro tipo de formalismo, non carente de certa coloración metafísica.
Se a burocracia tende cada vez máis a se vincular á clase dominante até se confundir con ela en certo tipo de sociedades globais, se tende a se apropiar o poder de decisión de tal maneira que a dirección dun agrupamento funcional emerxe case necesariamente da súa organización burocrática, esta promoción social só se explica pola relación cada vez máis estreita da burocracia e da noción de tecnicidade. Por outra parte, Lefort viu esta forma de explicación, mais, moi curiosamente, afástaa case inmediatamente ou, cando menos, minimízaa, e considera a burocracia como un corpo social puramente parasitario, atinxido de esquizofrenia permanente. Á longa, estes corpos parasitarios que serían as organizacións burocráticas acaban por seren eliminadas ou cando menos remodeladas e renovadas (como aconteceu máis dunha vez na URSS) se non cumpren xa a súa función, que é precisamente técnica –a condición no entanto de redefinir a noción mesma de tecnicidade– en virtude dunha lei económica bastante implacábel, ditada pola estrutura xeral da sociedade. As nocións de competencia e de modelos técnicos pesan non só sobre as organización de masas, senón sobre o conxunto da sociedade, impóndolle unha estrutura funcional que ningún corpo social podería evitar. Por outra parte, non é moi exacto escribir que as estruturas globais e as organizacións «impóñense un destino» unhas a outras; teñen máis ben tendencia a se enfrontar nunha constante relación dialéctica.
Para explicarmos este acceso progresivo da burocracia ao poder de decisión, sería necesario, con efecto, entregarse a unha nova análise dalgúns conceptos tradicionais tales como función técnica e decisión política, no contexto social actual. A función técnica non se restrinxe xa á organización da produción, no sentido estreito do termo (neste sentido evidentemente, os técnicos non son burócratas), o técnico non é xa soamente ese especialista, axente indispensábel mais igualmente subalterno no aparato de produción. É tamén e sobre todo o organizador, o home de competencia insubstituíbel nos eidos administrativo, económico, psico-sociolóxico. Ora, estes diferentes eidos están necesariamente burocratizados ou, mellor, son eles mesmos burocracia, na medida en que se tende á interpenetración e á confusión do técnico e do burócrata das esferas de competencia –conxunción das doutrinas de Taylor e de Rayol; a partir deste momento dicir que a burocracia se disocia do corpo xeral da sociedade para proseguir a súa finalidade propia, non ten xa sentido. Pola contra, faise comprensíbel que os burócratas, en tanto que técnicos, detenten a autoridade, acaparen o poder de decisión. Nunha empresa, os cadros denominados «funcionais» ou técnicos, non fican exteriores, senón que se integran a miúdo ao seu organigrama, acabando ás veces por exercer máis autoridade que as «xerarquías» e acceder ao nivel das decisións «políticas».
Esta noción de decisión política merece á súa vez ser reexaminada no contexto do desenvolvemento técnico actual. A decisión tomada na súa acepción política habitual posúe os seus cadros sociais tradicionais que se saben: persoal ministerial a escala do Estado, consello de administración a escala da empresa. Mais estes cadros tenden a non constituír máis que unha maneira de fachada, que agacha os verdadeiros laboratorios da decisión: oficinas de planificación e de investigación operacional, etc. Estes laboratorios e oficinas, en virtude da súa competencia técnica, exercen tal presión que a fachada acaba por se afundir: a tecnicidade morde na decisión até o punto de minguar e destruír o contido político na medida cando menos en que a política é elección libre dunha conduta, en función non soamente dunha finalidade, senón de certos a priori cualitativos.
En conclusión, diremos que, na conxuntura social actual, en todo estudo a burocracia debe ser resituada no cadro da sociedade técnica no seu conxunto e do seu dinamismo específico, e que o poder das organizacións burocráticas só pode comprenderse por referencia á noción de tecnicidade.
O feito de que na URSS a burocracia xogue o papel privilexiado de clase dominante non é directamente consecuencia do autoritarismo estatal; é máis ben porque este último asegura un máximo de eficiencia técnica que as súas organizacións burocráticas consolidan o seu poder. É certo que os éxitos técnicos das oficinas de planificación central da URSS reforzan a autoridade dos planificadores mentres que as planificacións flexíbeis ou parciais, a título indicativo, dos países de capitalismo privado confiren menos autoridade aos seus autores.
A promoción da tecnicidade baixo todas as súas formas e a expansión dunha mentalidade técnica constitúen igualmente a gran novidade desde Hegel e mesmo desde Marx; é nesta perspectiva que debe examinarse o problema da burocracia en xeral, e particularmente o das súas relacións co poder do Estado

NORA MITRANI
Arguments, nº 17, 1ro trimestre de 1960, pp. 28-29.

NOTAS
(3) Ver especialmente: «L’hyper-empirisme dialectique. Ses aplications en sociologie, in Cahiers internationaux de sociologie, XV, 1953, pp. 3-33.
(4) Ver a recensión desta obra en: Revue française de Sociologie, 1 (I), xaneiro-marzo 1960, pp. 111-112.
(5) Cf. Este mesmo número, p. 64. [Trátase do artigo Que é a burocracia?]

Esta entrada foi publicada en GSG, Nora Mitrani, Referentes, Simone Kahn, Traducións, Xesús González Gómez e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.