Arthur Cravan en Barcelona, por Xesús González Gómez

Cando se inicia 1916, Europa leva case ano e medio en guerra, inmersa nunha guerra sucia, nun «sumidoiro de sangue, imbecilidade e lama», como diría André Breton anos máis tarde. Moitos foron os que ao inicio desa guerra sentiron o chamamento da «patria»: non esquezamos a deshonra de todos os partidos socialistas do occidente europeo. Moitos intelectuais loan á patria e os seus heroes: é a hora do sangue e da terra, non paga a pena dicir os seus nomes. Mais houbo os refractarios de sempre, os que escaparon como puideron a ese caos de sangue e imbecilidade. Uns fuxiron á neutral Suíza. Outros viñeron a España e instaláronse, maiormente, en Barcelona, que está a sufrir un crecemento industrial inusitado debido ás vendas aos países en conflito. Ao mesmo tempo, o movemento obreiro non se deixaba «amilanar», e as folgas, as persecucións policiais e patronais, os mortos e feridos, enchían as rúas barcelonesas. Moitos revolucionarios europeos fixeron os seus primeiros pasos neses anos da primeira guerra na cidade catalá: lembremos, simplemente, a Victor Serge.

Entre os que chegaron a Barcelona estaba un mozo boxeador, poeta e outras tantas cousas máis: Arthur Cravan, de nome verdadeiro Fabian Lloyd. Antes de aparecer en Barcelona, a inicios des 1916, estivera en París, Francia, onde entre os intervalos de combates de boxeo, publicaba unha revista, Maintenant, cuxo bode expiatorio era André Gide. Cravan era de nacionalidade inglesa, sobriño de Oscar Wilde e a el as guerras non lle interesaban, a non ser a súa propia particular, talvez contra si mesmo. Se ben aguantou como o puido os primeiros meses de guerra en París, cedo soubo que debía de abandonar aquel territorio, polo que decidiu virse a Barcelona, onde xa había unha colonia de artistas estranxeiros que fuxiran do masacre europeo (Gleizes, Marie Laurencin, Valentine de Saint-Point, a autora do manifesto da muller futurista –proximamente aparecerá unha antoloxía desta autora na revista dixital Palavra Comum), a finais de 1916 chegaría Francis Picabia, que se atoparía con Cravan, etc.; e onde xa estaba instalado o seu irmán Otho Lloyd coa súa compañeira Olga Sacharoff. Tanto Lloyd como Sacharoff viviron até a súa morte, en 1973 e 1967 respectivamente, en Barcelona1. Non imos relatar nada, todo isto cóntao moi ben Maria Lluïssa Borràs no seu excelente libro Arthur Cravan. Una biografía (Barcelona, Sirmio-Quaderns Crema, 1993). Maria Lluïsa Borràs coñeceu a Otho Lloyd, e serviuse moito (e moi ben) das súas informacións para artellar esta biografía.

Hoxe tráenos aquí un labor máis prosaico: a transcrición (e tradución ao galego) de diferentes noticias que durante o primeiro semestre de 1916 apareceron sobre Arthur Cavan en diversos, non todos, órganos da prensa Barcelona. No entanto, a partir de xuño dese ano, desaparecen as novas sobre Cravan na prensa tanto barcelonesa como catalá, aínda que se sabe que en novembro embarca no Montserrat con destino a Nova York, e que un dos pasaxeiros dese mesmo barco era León Trotski, que fala, sen citar o seu nome, de Cravan na súa autobiografía: A miña vida.

A primeira vez que ese ano de 1916 aparece o nome de Cravan na prensa Barcelonesa é o día 6 de febreiro (domingo), no xornal El Poble Catalá, na sección de deportes, no apartado boxeo. Velaí a noticia íntegra (traducimos):

Boxeo

Diante dunha concorrencia bastante numerosa tivo lugar a noite do xoves no «ring» do Iris Park a anunciada velada deste deporte.

O primeiro combate Montero-Solé declarouse a Solé vencedor por puntos.

Seguiu despois Mora-Driscoll que realizaron un match moi malo. Quedou vencedor por puntos Mora.

O combate Aflack-Fred Jack non foi nin moito menos do que se esperaba. Foi aburrido e monótono. Proclamouse vencedor a este último. Acto seguido subiron ao «ring» Jim Bleick e Félix Pomés.

Ao chegar ao cuarto asalto, o árbitro declarou vencedor a Pomés por usar certas incorreccións o seu contrincante Jim Bleick. Por fin chegou o combate Cutchet-Hoche.

Desde o primeiro asalto viuse a superioridade de Hoche que o dominou de gran maneira.

Á metade do segundo asalto, o árbitro señor Cravan, con grande acerto e moitos coñecementos do seu cargo, declarou vencedor a Hoche, dando por acabado o match, ao que houbo quen se opuxo (dúas liñas, as finais, ilexíbeis).

Antes desta noticia, o nome de Cravan, que nós saibamos, só aparecera unha vez na prensa catalá anterior a esa data. Foi no Diario de Reus, o martes 28 de outubro de 1913. A noticia, como comprobará o lector, nada ten a ver coas veleidades boxísticas de Cravan, senón coa súa outra actividade, a de escritor. Velaí o texto íntegro (traducido ao galego), que aparecía en portada.

CRÓNICA PARISIENSE

Os mortos que vos matades…

__________

Época de crédulos

Vivimos nunha época de prodixiosa credulidade, de contos de bruxas e de aparicións.

O outro día o excapitán Mayer, que foi condenado a dez anos de prisión como asasino da baronesa Ollivier, e que hai pouco saíu da prisión, anunciou nos xornais que ía pedir a revisión do seu proceso, xa que a baronesa goza de perfecta saúde.

Vive en Florencia, declara o excapitán, como poden testemuñalo con xuramento numerosas persoas que a viron sa e salva.

Agora un escritor inglés, Arturo Cravan, publica na súa revista «Now»2 un artigo «sensacional», en que afirma que o famoso poeta Oscar Wilde non morreu.

–Eu vino, afirma Arturo–, e non en soños, senón perante unha mesa de «pintado pino», quero dicir, de manxares suculentos e de viños deliciosos. E bebemos moito os dous. E non me veñan con que é comento o que digo; eu non podo enganarme, xa que Oscar Wilde é o meu tío.

Xa antes da súa morte suposta sospeitábase que Oscar Wilde era, con efecto, o seu tío, o que vén confirmar tan inesperadamente un sobriño.

Sexa o que for, o certo é que Oscar Wilde non morreu, e se non morreu é evidente que ha de vivir en Florencia, como a Baronesa.

Numerosos espectros aparecen esta tempada, en que escasean a actualidade vivinte e latexante. […]

Echauri

Se o nome de Cravan non aparece case, en realidade só demos con este referencia que acabamos de traducir, tanto na prensa barcelonesa como catalá, o certo é que na barcelonesa aparecerá, a partir de febreiro de 1916 profusamente, até que desaparece a finais do primeiro semestre do devandito ano.

A seguinte noticia que sobre Cravan na prensa de Barcelona é do 4 de marzo. Noticia que reproducen case todos os xornais e semanarios, ben en lingua castelá, ben en lingua catalá. Velai a pequena noticia ou «solto»:

No Real Club Marítimo de Barcelona renudáronse as clases de boxeo, baixo a dirección do profesor Mr. Arthur Cravan, sendo numerosas as inscricións.

A verdade é que deben pasar uns cantos días, case vinte, para que o nome de Cravan volva saltar ás columnas da prensa barcelonesa. O día 23, La Vanguardia, na sección «Deportes y Turismo», dá a seguinte noticia:

Boxeo

Saíu para Madrid o notábel puxilista Mr. Arthur Cravan, con obxecto de asinar o contrato co famoso Jhon (sic) Johnson, do match que se trata de celebrar en Barcelona o mes próximo.

Cravan partiu ilusionado con poder concertar un encontro, que de realizarse, como se confía, será unha das máis grandes solemnidades do ano deportivo.

Ese mesmo día, en El Correo Español. Diario tradicionalista, de Madrid, na sección «Notas de Sport», que asina «Anerel», pódese ler o seguinte:

Recibimos para a súa publicación unha carta do notábel boxeador Arthur Cravan, e accedendo ao seu desexo, gustos (sic) insertámola a continuación:

«Señor redactor deportivo de EL CORREO ESPAÑOL.

Moi señor meu: contando coa hospitalidade das columnas dese importante xornal, diríxome a vostede por se ten a bondade de publicar os feitos seguintes:

Realizando dous matchs declarados nulos, con Jim Johnson, quen, como se sabe, tivo outro encontro, nulo tamén, con Jack Johnson, o famoso negro, xúlgome autorizado a desafiar ao campión negro que se encontra en Madrid. Envieille un telegrama desde Barcelona, a fin de saber en que condicións estaría disposto a encontrarse comigo. O campión do mundo contestoume telegraficamente que aceptaba o desafío, pero coa condición formal de que unha garantía de cincuenta mil pesetas se depositase nun Banco.

Esta condición de garantía, como é de supor, é un pretexto, porque Johnson estaba persuadido de que eu non atoparía ningún organizador en España para ofrecer esta suma, e desta maneira sérvese dun truco moi usado polos boxeadores que alcanzaron celebridade, e que non queren loitar máis que con falsos valores, para non exporen o seu título ou a reputación.

Por esta vez a Jack saíulle mal o seu cálculo, porque atopei un sportman millionario que ofreceu esta preciosa suma de cincuenta mil pesetas, e tomei o primeiro tren para Madrid, para achar no Palace Hotel a Jack Johnson, que foxe e non quere oír falar máis do match.

Espero que todos os sportmans serán xuíces de tal actitude, por non dicir… comedia.

A Jack Johnson repúgnalle combater cun menos ilustre que el, cun máis novo e mellor adestrado que el, e tan pesado e tan alto como el, e vencelo, como sen falsa modestia, teño a firme esperanza de facelo, se me brinda a ocasión. –Arthur Cravan.

Esta noite, segundo esta anunciado, celebrarase o match Johnson-Crozier.

ANEREL

Está claro que o que quería Cravan, ou os seus promotores, era levantar expectativas para unha boa «taquilla», e a carta enviada ao xornal madrileño, non a encontramos en ningún outro xornal da capital de España dos que están nas diversas hemerotecas virtuais, é o clásico «reto» puxilístico enviado polo púxil inferior ao superior. No entanto, non se debe dubidar de que Johnson estaba ao tanto da carta antes de esta ser enviada.

Mais, quen era este Jack Johnson, «campión negro» (hoxe, a expresión, sería considerada politicamente incorrecta e caerían tormentas de reproches a Cravan)? O lector teno fácil: buscar no irmán Google, que entrega moita máis, e mellor, información da que poderiamos entregar nós. Mais aí van uns apuntamentos.

Jack Johnson nacera en Galveston, Texas, nunha familia de escravos negros. A súa carreira boxística foi meteórica: venceu a todos os seus rivais e en 1903 gañou o campionato reservado aos negros. A raíz deste trofeo, lanzou en diversas ocasións desafíos ao campión do mundo (branco, evidentemente): James Jeffries, que nunca aceptou o reto. Jeffries retirouse, e pasou o seu cetro a Marvin Hart, que o cedeu a Tommy Burns, canadense. Burns, de baixa estatura, foi o primeiro branco que puxo o seu título en xogo perante un negro. O negro era Jack Jonhson, e o combate tivo lugar en Australia. O combate foi desigual, e a malleira que Jonhson lle propiciaba a Burns foi interrompida pola policía, talvez para non ver un branco humillado por un negro? Johnson converteuse no campión mundial, o que fixo del un heroe para os da súa raza e nun pesadelo para os brancos, que mesmo alertaron que a vitoria do boxeador podía desencadear reivindicacións de igualdade por parte dos negros. Para acabar con Johnson, o «poder branco» procurou un boxeador que se enfrontase ao campión negro e demostrase a superioridade da «raza» branca. Finalmente, o «poder branco» puido convencer a Jeffries, que mentres tanto se convertera en granxeiro, para que volvese ao «ring» e se enfrontase co diabo negro. Jeffreis, debido á «bolsa», aceptou e foi denominado «a grande esperanza branca» (Véxase a película do mesmo título, A grande esperanza branca, de Martin Ritt, filme que, en gran parte, foi rodado en Barcelona, e que se basea na vida de Johnson). Se ben o combate Johnson-Jeffries, din os especialistas, non foi un paseo para Johnson, o certo é que o negro bateu ao branco, e producíronse revoltas raciais (dos brancos, lideradas polo Ku Klux Klan) nos USA. Finalmente, mediante unha lei aprobada polo Congreso dos USA, lei que prohibía o transporte de mulleres en auto, Johnson foi condenado a un ano de cadea; condenado por levar no seu auto primeiro unha prostituta e logo a Lucille Cameron, que sería despois a súa muller. Para eludir a condena, o boxeador fuxiu primeiro a Cuba e logo a París, onde coñeceu a Blaise Cendrars e a… Cravan, entre outros.

En 1915, Johnson perdera o seu cetro perante Jess Willard, en Cuba. Perdida a «coroa» dedicouse a combates de exhibición. Deu un en Madrid e intentou dedicarse ao «toreo». Logo instalouse en Barcelona. Está claro que o combate con Cravan sería un combate de pega. Mesmo pactaran co cineasta Baños para que este filmase o combate.

Despois do combate con Cravan, Johnson viviu durante un tempo en Barcelona. Rodou como actor un filme, Fuerza y nobleza, montou unha axencia de publicidade e segundo Josep Pla, dedicouse ao cobro de morosos. Cando os USA entraron e guerra en 1916, segundo diversos biógrafos Johnson traballou para os alemáns. «Os alemáns trátanme como un señor e á miña muller como a unha dama», seica dixo o boxeador. Regresou ao seu país e morreu nun accidente de auto, sen que nunca se lle revogase a condena, nin mesmo Obama o fixo. Diversos músicos de jazz, entre eles o gran Miles Davis dedicáronlle pezas musicais. (A maioría destes datos están tirados da reportaxe de Josep Massot, «Obama no perdonó al campeón», publicado o domingo 29 de xaneiro de 2017 en La Vanguardia, pp. 60-61.)

Dous días despois, é dicir, o 25 de marzo, o semanario Stadium. Revista ilustrada de esports, na sección «Ecos y noticias», daba fe do seguinte eco:

Os afeccionados ao boxeo interésanse estes días polas noticias que circulan sobre un match entre Jack Johnson e Arthur Cravan, que terá lugar, de chegarse a un acordo, nas Arenas3 de Barcelona, a mediados de abril próximo. Aínda que o temíbel negro se encontra na fase decadente da súa vida deportiva, seranos dado aos barceloneses admirar as poses e elegancias do ex-campión do mundo, xa que non a eficacia dos seus ataques, o que non deixará de ser agradábel e nos dará unha idea do que Johnson fora nos seus bos tempos.

Stadium. Revista ilustrada de esports, ano VI, nº 148, 25 de marzo de 1916, p. 207.

Case unha semana tarda a prensa barcelonesa en entregar novas sobre Cravan e Johnson. O venres 31 de marzo, La Vanguardia, na sección «Deportes e Turismo», dá a noticia da chegada de Johnson a Barcelona:

JACK JOHNSON EN BARCELONA

Desde onte encóntrase en Barcelona o famosísimo puxilista, ex campión do mundo.

Johson chegou no expresso da mañá, acompañado da súa esposa Miss Lucille Johnson e do seu manager Mr. Jack Morris, que tamén foi campión do mundo do seu peso.

Johonson (sic) hospédase nun dos nosos principais hoteis e vén cumprir o compromiso contraído de verse fronte a fronte en combate con Mr. Arthur Cravan, o puxilista inglés, hóspede de Barcelona desde hai poucos meses.

O combate terá lugar seguramente a fins do mes próximo na praza de touros.

Tanto Jhonsan (sic) como Cravan van dedicarse seriamente ao seu adestramento. O primeiro co seu manager, probabelmente nun dos nosos mellores campos de fútbol; Cravan no Ximnasio Bricall, con algúns dos nosos mellores boxeadores.

Cravan tivo con este motivo que abandonar todas as súas leccións a fin de se pór nas condicións necesarias de combater cun rival tan fero que ao primeiro embate se desfixo de Crozier, sin pena, fatiga, ni apenas gloria.

Entre os afeccionados reina un grande entusiasmo perante o anuncio deste sensacional combate.

A partir do día seguinte, 1 de abril, é cando empezan a se «dispararen» as noticias sobre Cravan na prensa barcelonesa. Sobre Cravan e Johnson, evidentemente. Así, La Vanguardia, na nota sobre unha velada de boxeo e loita libre que se celebrara o día anterior no Iris Park (sala que sobreviviu até inicios dos anos 1970 do pasado século, con cambio de nome a partir de 1939: Salón Iris. O Salón Iiris dedicouse a partir do final da guerra a veladas de «loita libre» e algunha vez de boxeo, festivos e domingos pola mañá; a salón de bailes, xoves pola tarde, sábados, domingos e festivos tarde, e nos días libres alugaba o local para actos diversos –mesmo exercicios espirituais ou actos relixiosos– ou concertos de música rock, etc.: aínda lembro con melancolía o concerto de Pau Riba –que entrou no salón montado nunha moto e subiu ao escenario enriba do aparato–, e do grupo andaluz Smash o 30 de abril de 1970: á saída do concerto, os asistentes tiveron que entregar o seu carnet de identidade ás forzas policiais que os esperaban: Pau Riba pedira aos asistentes que participasen nas manifestacións –ilegais, claro– que se celebrarían o día seguinte, 1 de maio); como dicíamos, na nota sobre a velada no Iris Park publicada no xornal barcelonés, velada que non foi do agrado do comentarista: «O público retirouse pouco satisfeito,porque paga máis, bastante máis, do que vale o espectáculo que se lle ofrece. E non vale tirar demasiado da corda, porque podería romperse», podía lerse, nas últimas liñas, o seguinte: «Durante a sesión foron presentados ao público os señores Jack Johnson, o famoso puxilista negro e A. Cravan, saudándoos o publico con sendos aplausos».

Ao día seguinte, na maioría dos xornais barceloneses, matutinos e vespertinos, aparecía o seguinte anuncio:

TEATRO TÍVOLI

Hoy sábado, a las cinco, vermouth. Regaladas las localidades. Entrada, 30 cts. 1º La opereta en dos actos «Maruxa». 2º Les Arafel, caricaturista humorístico. Noche, a las nueve y cuarto. Función en honor del multimillonario y campeón del mundo, de boxeo

JAK JOHNSON

Quien ha aceptado la invitación y asistirá al palco número 11. Programa: 1º «El ángel caído». 2º «La moza de las mulas». 3º Les Arafel. 4º «San Juan de Luz», por el señor Bergés y las hermanas Fuentes. Entrada general, 43 cts. Domingo tarde programa sin precedente. 1º «Maruxa». 2º «La Tempestad», 5 actos. Noche, «Vendedores ambulantes», «Eva», «San Juan de la Luz». Tarde y noche, últimas funciones de Les Arafel. Pronto, «El Cristo de la Vega».

[O nome de Johnson aparece tal e como o transcribimos en todos os anuncios aparecidos na prensa barcelonesa.]

O día 2, domingo, no semanario L’ilustració catalana, na sección de deportes, dáse a seguinte noticia, resumida da que publicara La Vanguardia o 31 de marzo (traducimos):

Jack Johnson en Barcelona

Este famosísismo puxilista, ex-campión do mundo, está entre nós acompañado da súa esposa Miss Lucille Johnson e do seu manager Mr. Jack Morris, que tamén foi campión do mundo do seu peso.

Johnson vén cumprir o compromiso contraído de verse en combate con Mr. Arthur Cravan, o puxilista inglés que se hospeda en Barcelona desde hai poucos meses. O combate terá lugar o día 22 na praza de touros.

Tanto Johnson como Cravan dedicáronse seriamente ao seu adestramento. O primeiro co seu manager, probabelmente nun dos nosos mellores campos de fútbol; Cravan no ximnasio Bricall, cos nosos boxeadores Robert Pomés, Jim Bleick, Franck Hoche, Jack, etc.

L’Ilustració catalana, 2ª época, nº 669, 2 abril de 1916).

Se ben non todos os días dan novas sobre o combate que debe celebrarse, o día 7, El poble catalá informa aos seus lectores que tanto Arthur Cravan como Jack Johnson continúan a se adestraren con grande asuidade. Tamén informa de que o combate se realizara o día 22, ás dez da noite, na praza de touros Las Arenas. Informacións, como veremos máis adiante, equivocadas, as do lugar e hora do combate.

Dous días despois, o semanario humorístico Papitu fala por vez primeira de Johnson e Cravan, dos que publica unha caricatura (ver ilustración). É na secciòn «Deportes». Velaí o que di o redactor do semanario:

DEPORTES

De todo un pouco

A verdade é que o corpo humano da persoa só ten de deportivo brazos e pernas. Os outros membros, por exercicios que fagan –e hai algún que traballa duramente– non poden chegar a alcanzaren a categoría deportiva. Aquí temos o estómago, por exemplo. A ninguén se lle ocorreu cualificar de deporte unha comida de a duro nin organizar un «cross country» na casa Martín. Agora que falamos disto: saben quen gañou a carreira que se fixo no Tibidabo con motivo das «pelomas»? O Prat!!! Como carallo o souberon?

Pois si: esta preferencia fisiolóxica-deportiva que se dá a pernas e brazos con menosprezo doutros membros abondo respectábeis, é digna dunha conferencia no Kinesiterápico ou dun artigo de Maluquer. Porque xa estamos cansos de que entre o boxeo e o coso4 (4) se faga o gasto.

Aquí temos ao Johnson e ao Cravan, dúas pezas de tamaño natural, axeitadas para rebentar somiers de fonda: un é negro, dun negro café con leite, con dous brazos daqueles que fan calcular o efecto da puñada e aseguran a fidelidade da señora; o outro é branco, fíxose amigo do Pomés e sería un mozo de escuadra ideal. Nunha sesión de puñadas de camama, na que vimos ao Ardévol lacazanear, nolos ensinaron de gratis. Acrediten que son dous «bibelots» por enriba do normal. Oh!, e que din que non morden. En fin: o día da malleira non faltaremos, se nos fan acomodo […]

Papitu, nº 384, 4 de abril de 1916

Pasan catro días cando a revista deportiva Stadium, publica un editorial sen asinar sobre o tema do combate:

PUXILATO

____

O famoso puxilista negro, Jack Johnson, áchase desde hai días en Barcelona, disposto a recoller o reto que publicamente lle lanzara Mr. Arthur Cravan, mozo puxilista inglés, hóspede desde hai pouco tempo da nosa capital.

Para facermos a presentación do vencedor de Tommy Burns, de Rodel, de Jim Johnson e de tantos outros famosos púxiles, o señor Hernández, que asumiu a organización do próximo match, anunciado para o día 23 do corrente, na Praza Monumental, convidou aos representantes da Prensa diaria e aos da profesional (El Mundo Deportivo e STADIUM) e a outros moitos coñecidos deportistas a un lunch, que foi exquisitamente servido no salón principal do Excelsior.

O compañeiro Fojo, director de España sportiva, que acompaña a Johnson na súa expedición, explicou en breves palabras a vida deportiva do famoso atleta negro, os seus grandes triunfos, augurando que o próximo encontro será un dos máis sensacionais.

Jack Johnson, que ocupaba un dos extremos da mesa, a carón de lady Johnson, falou en inglés, mostrándose encantado de Barcelona, poboación que o cativara tanto, que pensara estabelecerse nela dun modo permanente.

Falou Cravan para demostrar o esperanzado e orgulloso que se acha ao poder medir as súas forzas co célebre campión mundial, manifestando que porá da súa parte canto poida para que o match responda á expectación que espertou.

Terminou o acto cunha palabras do señor Pomés, celebrando a visita de Jack Johnson á nosa cidade, que con este e tantos outros motivos contribúe ao enaltecemento do deporte, que nela tanto e de tan perfecto modo se cultiva.

Stadium. Revista ilustrada de sports. Ano VI, nº 150, 8 de abril de 1916.

Polo que se le, todo o mundo estaba encantado co match: Cravan, Johnson, o organizador Hernández (logo se falará del), a prensa, o público, etc. O día seguinte, o día 9, La Vanguardia informaba do lugar en que se realizaría o combate Cravan-Johnson á vez que se felicitaba de saber que o púxil norteamericano estivese en Barcelona e participase nun combate:

JACK JOHNSON

Onte quedou fechado definitivamente o contrato polo cal o campión Jack Johnson celebrará un match de 20 rounds de tres minutos co notábel puxilista inglés Arthur Cravan, o domingo día 23 do corrente, na praza de touros Monumental desta cidade.

Por vez primeira na historia deportiva da nación española, o público de Barcelona terá o privilexio e o pracer de ser testemuña dun dos máis grandes combates deste xénero celebrados até o día. Moito antes de se fecharen as condicións do desafío, o público barcelonés demostrara xa un interese enorme por este encontro, e non pode dubidarse que o espazoso ring do noso primeiro circo taurino será pequeno para conter a inmensa multitude de deportistas que ansían ver fronte a fronte aos dous campións.

Jack Johnson, que se acha en forma espléndida, anunciou que vai proceder a un activo adestramento, para o cal o vencedor de Jeffreis convida ao público co obxecto de que poida presenciar os seus diarios exercicios e decatarse do que pode ser o match do próximo día 23.

A aparición no ring da praza Monumental de boxeador tan coñecido do mundo enteiro como o é Jack Johnson, ha sinalar unha data gloriosa nos anais do deporte español, e non dubidamos que nin un só sportman perderá esta favorábel ocasión de presenciar combate tan sensacional como o que se aveciña entre os dous campións del self defense.

Arthur Cravan, o formidábel rival de Jack Johnson, hai xa días que se acha sometido a un rudo adestramento, e non vacila en proclamar en calquera parte a súa absoluta confianza de pór knock-out ao campión Johnson, quen logrou cos seus sensacionais combates causar a admiración das multitudes dos diferentes países nos que as súas famosas loitas tiveron lugar.

Pola prensa a diario daranse detalles deste encontro, e cantos polo mesmo sentan interese, poderán informarse da marcha e forma en que se achan na actualidade os dous xigantes do ring.

É de notar que o deporte do boxeo, que até a data non se practicara como loita neste país, tivese unha tan favorábel acollida ao só anuncio do próximo combate. A diversión favorita dos soldados nos frontes de batalla das diversas nación en loita, é o boxeo, e sería moi difícil achan hoxe un só mariñeiro da flota británica que non poida dar perfecta conta del no ring fronte a calquera adversario.

É de esperar que o próximo día 23, todo o elemento deportista se presentará na praza monumental, para ser testemuña do formidábel encontro entre o famoso campión da raza negra Jack Johnson e o formidábel e agresivo atleta da raza branca Arturo Cravan.

A prensa ía quentando ao público, aínda que este comentario de La Vanguardia semella máis un réclame pagado do que outra cousa, porque se ben na noticia (ou comentario) se dá conta dos triunfos de Johnson, non se di unha palabra da carreira boxística do «formidábel e agresivo atleta da raza branca». Ademais, dá a sensación de que se trataba dun combate entre «razas». En fin, os acontecementos seguirían día a día até o 23, cando se celebraría o combate. Como afirma o comentarista do xornal barcelonés, a prensa informaría día a día. A verdade non foi tanto, mais si informou bastante, e así, ese mesmo día 9, neste mesmo xornal, La Vanguardia, na páxina 7 (o comentario anterior aparecía na páxina 4), na sección «Deportes y Turismo», no apartado boxeo, podíase ler:

Boxeo

Para o día 12 do corrente anúnciase a seguinte combinación de programa na velada que se prepara no Iris-Park:

Primeiro combate: Enrique, 44 k. – Piquer (sic), 46 k., en catro encontros de 2 m.

Segundo combate: Alax, 56 k. – Stanley, 58 k., en seis encontros de 2 m.

Terceiro combate: Evling Kingt, 63 k. – Miró, 65 k., en 8 encontros de 2 m.

Cuarto combate: Sum, 70 k. – Fred-Jack, 65 k., en 10 encontros de 2 m.

Este combate arbitrarao Jack Johnson.

Quinto combate: Martínez, 72 k. – Franck Hoche, 74 k., en 15 encontros de 2 m., arbitrando o señor Cravan.

Como se ve, ademais de «adestrarse» en profundidade, ambos púxiles pasaban o tempo facendo outras cousas.

Se ben La Vanguardia afirmaba que a prensa informaría case que diariamente sobre os preparativos do «combate», a cousa non foi para tanto. Até o día 15 non apareceu outra noticia na prensa barcelonesa sobre Cravan ou Johnson. Curiosamente, os xornais do resto do país (de Cataluña, de España) pouco falaron da lide que se estaba a preparar. Nas nosas pescudas nas distintas hemerotecas virtuais só demos con esta noticia sobre o combate; noticia aparecida no xornal El Noroeste, da Coruña, o 13 de abril, xoves. En portada, despois da crónica de Madrid, sobre a varíola, asinada por W.F.F. (Wenceslao Fernández Flórez) veñen as «Crónicas catalanas», desde Barcelona, asinadas por «El Corresponsal». Ás crónicas do día tratan de: «Las elecciones – Un “match” de boxeo: Johnson y Cravan –La fiesta de las palomas – El maestro Pedrel en el extranjero – Los dramas policíacos». Reproducimos e traducimos a parte dedicada ao «match de boxeo»:

Outra loita se prepara, aínda que non de tanta transcendencia, entre o notábel puxilista inglés Arthur Cravan e o campión do mundo de boxeo, el negro Jack Johnson. Este «match» a vinte rounds de tres minutos celebrarase o día 23 na praza de touros Monumental. O empresario obsequiou o outro día cun banquete aos representantes deportivos da prensa local.

Johnson, en inglés, manifestou a admiración que sente por Barcelona, até o punto de que non será cousa difícil que se estabeleza definitivamente na nosa cidade. Arthur Cravan traduciu en francés o dito polo seu adversario, dicindo o esperanzado que se achaba de facer un airoso papel aínda opóndose a un adversario da categoría de Johnson.

Para a prensa barcelonesa, como se ve, e para os xornalistas que nesta cidade traballaban, Arthur Cravan era un puxilista «notábel»: de onde tiraran a información? Penso que de ningures, simplemente repetían o que lles dixera o promotor do combate, señor Hernández. Ou o que afirmaría, talvez, o propio Cravan cando estaba fronte á prensa. Porque nin unha soa das informacións que se deron até ese día, nin nas que se darán despois, se informaba ou mencionaba algún dos combates (ou dos títulos, se é que os tiña) de Cravan como boxeador. Noutras palabras, Cravan era un «puxilista notábel» baixo palabra de honor. No entanto, a prensa barcelonesa estaba encantada coa perspectiva do futuro combate. Véxase o que escribía a revista Stadium o día 15 dese abril daquel 1916:

O gran match puxilista

Jack Johnson en Barcelona

Por Barcelona, a gran cidade deportiva, a cidade cosmopolita por excelencia, desfilaron algunhas das figuras máis importante e que maior fama mundial alcanzaron nos nosos días.

Entre outras moitas poderiamos citar a Kirchhoffer, Greco e Pini, Garros e Bleriot, Orphée e Bouchard, Rakú, Apollon e De Riaz, Wilding e Kleinsroth, Hourlier, Ponchois e Darragon, Boillot, Guiponne e outros moitos, entre eles algúns futbolistas cuxas proezas sinalou a Prensa en múltiples ocasións.

Atraído sen dúbida polas belezas de Barcelona, proclamadas aos catro ventos por quen na Prensa estranxeira saben render á nosa cidade o culto que lle é debido, Jack Johnson, o famoso puxilista norteamericano, quixo visitala, e desde hai dez días reside entre nós, encantado de tal modo do son beau sejour (sic) que, segundo nos contaron os reporteiros, pensa fixar en Barcelona a súa residencia, estabelecendo un cine ou novo music-hall.

A súa permanencia en Barcelona, aínda cando non vexamos en Johnson máis que a un dos infinitos turistas que a visitan, constitúe un verdadeiro acontecemento de carácter deportivo, xa que Johnson é, foi ou será novamente campión do mundo de boxeo, que como comprenderá o lector, non é cousa que estea ao alcance de «cada quisque», como non sexa contando cunha forza superiosísima, unha resistencia tanto ou máis superior e unha preparación que non se adquire tan só coa vontade, senón a forza dun rigurosísimo adestramento.

Johnson naceu en Galveston, a cidade máis importante do Estado de Texas, en marzo de 1878; conta agora exactamente trinta e oito anos, mide 1 metro 80 de altura e pesa moi perto dos cen quilos.

Conta na súa historia con grandes proezas. Desde moi pequeno dedicouse a toda clase de exercicios de axilidade e de forza, sobresaíndo en todos eles. O seu primeiro combate sostívoo con Miles, en San Francisco de California, deixándoo k.o. ao terceiro asalto.

Leva celebrados moi perto dun centenar de matches; unicamente foi vencido en catro deles. A vinte e tres dos seus adversarios logrou pólos fóra de combate.

Knout-out só conseguiron pólo Joe Choyusky, en Galveston, e Jess Williard (sic), na Habana.

O Campionato do mundo –que non o puxo en xogo no match con Williard (sic)– acadouno en Sidney (Australia), loitando co famosísimo Tommy Burns.

Jeffries, o célebre puxilista, retou a Johnson co obxecto de lle arrebatar o título de campión; ambos adversarios encontráronse en Reno, e Johnson puxo k.o. ao seu contrincante no décimo quinto round.

Stadium. Revista ilustrada de sports, ano VI, nº 151, 15 de abril de 1916.

A prensa barcelonesa, «pasábase». Johnson, os meses anteriores á súa chegada a Barcelona disputara algún combate de exhibición en Madrid, e despois do combate con Cravan, a inicios de 1917, fará unha «tournée» por diversas cidades españolas. Non era para tanto. Lanzar campás ao voo, ou acender fogos de artificios ao chou, pode comportar demasiadas desilusións.

Ese mesmo día, Stadium, na páxina 249, de actualidades gráficas, publicaba unha foto dun combate de boxeo no Iris Park: Puxilato. Johnson arbitra no Iris Park, e no pé de foto pódese ler: «O famoso negro, campión do mundo até hai pouco, arbitrando o combate de puxilato entre Hoche e Allack, celebrado o mércores último no Iris Park». E como texto: «A última velada de puxilato celebrada no Iris Park ofreceu un grande interese non só pola importancia dos combates efectuados, senón tamén por presentarse no ring, actuando de árbitro, o até hai pouco campión do mundo, o célebre negro Jack Johnson, que ha loitar proximamente contra Arthur Cravan».

Falta pouco máis dunha semana para o «gran combate». Curiosamente, as revistas humorísticas que se publicaban na capital catalá aínda non meteran as súas mans no «asunto». L’esquella de la torratxa foi a primeira destas revistas de humor e sátira en abrir fogo, o día 21 deses mes de abril. E en diversas páxinas. Primeiro na 279, na sección «Glosari» (imitación paródica do «Glosari» que día tras días, case, publicaba no períodico da Lliga Catalana, La Veu de Catalunya, o «pantarca»: Eugeni d’Ors, que asinaba como Xènius. O «Glosari» de L’Esquella… non o firmaba Xènius, senón Xarau, que soa como «sarau»: mascarada, festa, baile; mais tamén «armar un sarau»: armar follón, facer bulla, etc. O título do seu «Glosari» aquel 21 de abril, xa nas vésperas do combate, era «Adestradores», e velaí a glosa, debidamente traducida:

ADESTRADORES

Cravan e Johnson, os boxeadores que o próximo domingo deben esmagarse os narices ou o que sexa, na Praza Monumental, xa hai días que están a se adestraren. Iso de se adestrar dous atletas quere dicir facer prácticas de recibir e de pegar; pasarse horas e máis horas a ensaiar a puñada ou a desviar as caricias do contrario.

Como que estas prácticas non as poden facer sós, diante do espello, o que sería un absurdo e perigaría a lúa, nin co campión inimigo, que sería unha inmoralidade e perigarían os cartos, os atletas tráense os seus contrincantes servidores, homes alugados para o caso, que veñen a seren unha especie de satélites da forza bruta.

A presenciar os adestramentos de Johnson e de Cravan acudiu moita xente da nosa sportmentocracia. Nós tamén metemos a cabeza e convencémonos de que, se un oficio ingrato hai na terra, é este de adestrador. Os adestradores son os manequíns humanos cos cales se ensaian a dar labazadas os boxeadores de cartel. Cinco cuartos de hora estivemos o outro serán vendo como dous mozotes con taparrabos se cravaban lapotes no peito, na cabeza, no ventre, alá onde podían.

É evidente que para o adestramento podían ter unha figura automática, un boneco mecánico de palla, como gastaba o Carpentier, mais isto non entusiasmaría ao noso público; cando non hai sangue ou croques ou negróns ou mazaduras, os espectadores das nacións civilizadas séntense defraudados.

O adestrador é o atleta «persoa mandada», o xigante de aluguer disposto ao que veña. O seu puntillo é facer lucir os bíceps do campión, ou sexa, do «fenómeno»; a súa obriga é pegar cando llo din e recibir cando nada lle din; máis ben recibir que pegar, porque o bo adestrador sempre afrouxa; non fose o caso de que no canto de adestrar ao campión o desartellase ou lle rompese algún óso e, adeus match… e adeus negocio!

O xigante negro leva dous adestradores: un para os días de rebaixas (d’encant) e o outro para os días de encantamento (d’encantament); e estes son os que o preparan para a gran loita; sen esta preparación… case alemá, os campionatos non serían tales campionatos. Primeiramente, os adestradores abónano, fanlle a toilette; e a toilette consiste nisto: que lle fregan a pel con esparto, sóbanlle os músculos, póñense de pé enriba del, enduréceno a proba de quebrantos físicos. Despois, veñan puñadas ao bandullo, debaixo da barba, alá onde conveña. Ás veces sucede que o adestrador, entusiasmado, esquece que aquilo é un ensaio, unha loita de bromas, e en medio da broma ponse serio, e tamén se quere lucir, e ataca como tolo e pega forte. Entón, o xigante sorrí e como quen esquiva unha pulga, tira un chisco da furia concentrada no bíceps e se revolve de verdade, e aquí tiro un dente, alá baleiro un ollo, máis alén escacharro unha costela, a cousa formalízase a gusto de todos, até que chega o Knoc-out, que quere dicir: xa podedes ir buscardes a padiola ou o cabazo.

Isto é o adestramento, como se dixésemos o aperitivo do match sensacional.

O feito, segundo se ve, é que antes da definitiva deben pegar moito e recibir moito. Cando un nariz sangra? Mellor! Ínflase unha meixela?… Ganga!5 (5) Que se racha un tórax?… Loado sexa Deus!… Os atletas do boxeo fan como aquelas coidadoras que se escusan da caídas dos nenos dicindo: «Non vén dun croque!… Así se fan fortes!»

Os adestradores semelláronnos un bos señores cheos de abnegación e de negróns, que atacan de broma e reciben de serio; uns atletas súbditos e subalternos que pegan coa condición de non faceren dano e reciben coa condición de non se queixaren.

Ao velos, un fai comparacións e pensa que, se iso do adestramento non fose, en verdade, unha comedia, sería o caso de dicir que o noso pobo, tan amigo de pegar e de recibir, se non é o máis adestrado, é o máis adestrador da terra.

XARAU

L’Esquella de la torratxa: periòdich satirich, humorístich, ilustratiu i literari, nº 1947, 21 de abril de 1916, p. 279.

Mais o semanario humorístico continúa as súas informacións sobre o combate nas páxinas seguintes: media columna (das dúas en que se divide a páxina) da p. 280, a páxina 281 enteira, páxina ocupada por unha caricatura de Johnson (que se reproduce) e unhas cantas liñas a media columna da páxina 282, asinadas por Hip (J. Beltrán i Bellet): a caricatura de Johnson vai sen asinar. As tres páxinas conforman a sección «Els deports» (na actualidade, no canto de «deports» o substantivo catalán é «esports»: aínda non se normalizara a normativa de Pompeu Fabra, e na maioría da publicacións (non así en La Veu de Catalunya e en El Poble Catalá –xornais) campaban diversas normas, ou se ben a fabriana era maioritaria, non a seguían na súa totalidade.

Velaí o que escribía Hip no seu artigo (traducimos):

OS DEPORTES

Jack Johnson-Arthur Cravan son os dous nomes que máis corren de boca en boca, entre os sportmen barceloneses e destacan nas planas dos xornais.

O match que pasado mañá debe celebrar na Praza de Touros Monumental o famoso negro norteamericano co inglés Cravan, hoxe aínda bastante descoñecido, espertou o interese e a expectación do noso público.

Todo o mundo coñece máis ou menos a celebridade de Johnson. Campión do mundo hai uns cantos anos, os norteamericanos de raza branca non se conformaban e incitaron ao ex-campión Jeffreis a volver ao ring para desafiar ao negro. Finalmente, Jeffries, a pesar de estar retirado e desadestrado de tempo, deixouse convencer e desafiou a Johnson.

Os preliminares deste famoso match que conmocionou a toda a nación ianqui, foron en verdade interesantes. E en cada exhibición de adestramento dos dous colosais contrincantes (que, separados un do outro, celebraban) as apostas chovían e as liortas e as discusións eran inacabábeis.

Finalmente realizouse o match. Trens especiais de todas as bandas acudiron cheos de entusiastas, de apaixonados por un ou por outro boxeador. Fíxose constar, porén, que Jeffries tiña moitos máis partidarios; o odio que teñen todos os americanos á raza negra xustificábao. Non obstante, os amigos de Johnson, coñecedores da súa forza e do seu adestramento, non desconfiaban.

Con efecto, a loita comezou diante dunha multitude de xente inmensa; un puñado de miles de persoas de todos os estados da confederación (sic) presenciouna. Ao principio a loita foi algo igualada; Jeffries era, a pesar do seu desadestramento e dos seus anos, un boxeador de coidado. Pero Johnson máis adestrado e máis novo que o seu contrincante, debía de vencer e venceu, finalmente, dunha maneira acabada, tan acabada, que Jeffries que, naturalmente, non quería retirarse por nada do mundo, saíu con algunha costela rota e abondo esmendrellado, abandonando definitivamente o ring (que non debeu de volver a tripar) e retirándose a casa cos miles de dólares que, a pesar da súa desgraza, levaba gañados na arte de dar puñadas.

Os norteamericanos de raza branca aquel día mataron uns cantos negros para se vingaren (como é costume ianqui) e finalmente consoláronse.

Despois deste éxito fenomenal, Johnson abandonou América, veu a Europa, foi a París e aquí comezou a súa decadencia. Exhibíase nos music-halls como un número, afeccionouse excesivamente ás femias e a outras cousa peores e non hai moito que na Habana o derrotou outro boxeador, mestura de español e norteamericano, chamado Willar (sic), quedando, naturalmente descualificado como campión mundial, título que, como aquel que di, non lle interesaba, xa que hai algún tempo non aspira a el preferindo a vida tranquila e viciosa das grandes cidades.

A guerra europea tróuxonolo a España e en Madrid derrotou a Frank Cocier, como se dixésemos á primeira labazada, porque Johnson, non obstante e que está en decadencia, ten aínda moito e moito por perder, mellor dito, por gañar.

De maneira que Cravan, a quen descoñecemos, e que nos anos anteriores á guerra nunca oiramos nomear nos matchs de Londres e de París, ten traballo abondo se pensa desfacerse do seu contrincante, aínda que posúa condicións físicas de primeira para plantarlle cara.

No entanto, nos pensamos que o match aínda pode ser moi interesante se os loitadores teñen a suficiente sinceridade para boxear sen combinacións nin comedias, cousa que, no primeiro match de importancia que se celebra en Barcelona, desilusionaría a moita xente, xa bastante receosa de por si.

. . . . . . . . . . . .

[…]

L’Esquella de la torratxa: periòdich satirich, humorístich, ilustratiu i literari, nº 1947, 21 de abril de 1916.

Como comprobará o lector polos textos publicados en revistas e xornais que demos até o de agora, o único órgano da prensa barcelonesa que di as cousas un pouco claras é este semanario humorístico. Que Johnson estaba en franca decadencia, que ninguén sabía quen era Arthur Cravan (nada de notábel puxilista), aínda que Hip se equivoca, xa que na prensa francesa nos anos 1913 e 1914 aparece como participante en diversos combates de boxeo. Curiosamente, digamos que para a prensa gala, para os redactores da sección deportiva, era sir Arthur Cravan (o subliñado é meu), e, por último, avisa de que se o combate non é serio, o futuro do boxeo en Barcelona teno difícil.

E o sábado 22, vixilia do combate, en diversos xornais barceloneses, en portada, aparece o anuncio do combate (reproducimos a portada de La Veu de Catalunya). Ese mesmo día, La Vanguardia lembraba aos seus lectores que ao día seguinte tería lugar o combate e que este se celebraba case polos «pelos»:

O match Johnson–Cravan

Continuou todos estes días o período de adestramento dos afamados puxilistas Jack Johnson e A. Cravan no salonciño Excelsior, incapaz para conter o número crecido de afeccionados que querían presenciar os exercicios de preparación de ambos combatentes.

Para o match de mañá existe unha grande expectación, xa que poucas veces nos será permitido presenciar un acontecemento deportivo desa índole. O gobernador civil opuña certos reparos en autorizar o combate, mais despois de escoitadas as explicacións que na noite do xoves lle foron dadas por unha numerosa comisión de sportmen e xornalistas da que tamén formaba parte o gran Johnson e que ía presidida polo presidente do Sindicato de Xornalistas Deportivos, non tivo inconveniente en dar o permiso.

A revista ilustrada de deportes, Stadium dedicou, como era de esperar, diversas páxinas e comentarios ao combate que se celebraría ao día seguinte. O primeiro comentario asinábao Max, suponse que un dos redactores:

Pórtico

Johnson en Barcelona

Cando liamos na prensa estranxeira a expectación enorme que espertaban os combates para o campionato mundial de boxeo que por algúns anos posuíu Jack Johnson, e cando os gravados das ilustracións viñan confirmaren a verdade daquelas cifras fantásticas de espectadores que acudían a presenciaren o emocionante espectáculo mostrando á vista unha multitude impoñente que se amoreaba arredor do ring; cando viamos nos máis importantes rotativos americanos, nos ingleses e nos franceses encher columnas e máis columnas referentes ao match, a Johnson e aos seus contrincantes, sentiamos envexa e pensabamos con tristura que nunca nos sería dado ver aquí a ese fenómeno negro que por tantos anos tivo a atención de medio mundo pendente dos seus puños.

No entanto, por un dos caprichos da fortuna, o que nin en soños podiamos pensar é hoxe unha feliz realidade, e Jack Johnson non só se encontra en Barcelona, senón que se dignou darnos ocasión para admirar o seu poderoso arte, aceptando o reto de Arthur Cravan, outro puxilista de grande facultades que fía o seu porvir na sorte deste combate.

Non temos que facer aquí propaganda do match que se celebrará mañá na Praza Monumental e que se anuncia como o de máis sensación e emocionante que poida verse, mais se queremos dicir que sexa o resultado do match o que queira, acerten ou non os que se entretiveron a faceren vaticinios acerca do desenlace deste encontro e acerca da formalidade do desafío, nós consideramos como un altísimo honor para a Barcelona deportiva e para a Barcelona cosmopolita que tanto anhelamos, o só feito de que Jack Johnson, o negro máis famoso do mundo, o rei do boxeo, escollese por punto de residencia máis ou menos permanente a nosa cidade, e que nela faga unha pública demostración da súa marabillosa arte.

Ver boxear a Jack Johnson, aínda que non sexa nunha final do Campionato do Mundo, é un espectáculo grandioso, bastante por si só para que se enchese mañá a Praza Monumental.

MAX

Max di en voz alta o que corría en voz baixa pola Cidade Condal, nos «corrillos» do boxeo, do boxeo afeccionado e dos afeccionados ao boxeo: a seriedade do desafío e o resultado, xa que temían un «tongo» máis grande que a catedral de Barcelona.

Stadium, páxinas máis adiante, dedica as dúas páxinas centrais (pp. 264-264) ao match, reproducindo fotos e caricaturas dos dous contrincantes (véxanse ilustracións), o titular ocupa as dúas páxinas:

Gran match de boxeo Jack Johnson – Arthur Cravan

O ACONTECEMENTO DO DÍA

Mañá ás tres e media da tarde na PRAZA MONUMENTAL

Na páxina 264, unha foto de medio corpo, a peito descuberto, de Jack Johnson, o seu nome debaixo da foto, e co seguinte texto:

Fronte a Arthur Cravan oporase mañá o coloso Jack Johnson, o celebérrimo puxilista de raza negra, triunfante en cen disputadísimos combates, cuxa fama é coñecida en todo o mundo e cuxos feitos son admirados por todos os sportsmen.

Jack Johnson é aquel que venceu a Miles en San Francisco de California, a Tommy Burns en Sidney, a Jeffries en Reno, a Frank Moran; que puxo k. o. aos máis fortes boxeadores do mundo enteiro, alcanzando en repetidas veces, en feros e rudos combates, o título de campión do mundo.

Johnson ten 38 anos, pesa 110 quilos, 1,10 metros de cintura, 1,20 de peito, 0,45 de colo, 0,45 de bíceps e 1,94 de estatura.

Na páxina seguinte (a 265), unha foto de Arthur Cravan, tamén de medio corpo, co peito nu e o puño esquerdo fechado. Debaixo do seu nome, o seguinte texto:

Fronte a fronte de Jack Johnson situarase mañá, con afáns de vencelo, un puxilista que conta con grandes e marabillosas afoutezas e ten fama de grande atleta.

Cravan é aquel que no seu debut (1911) alcanzou o Campionato Amateur de Francia, e vence sucesivamente a Calaffates, campión dos xogos olímpicos en Atenas; a Larry Smith e a O’Mará, campión canadense, en Londres; a Georges Rodel, campión surafricano, en París.

Cravan ten 27 anos, pesa 105 quilos, mide 1,05 de cintura, 1,22 de peito, 0,44 de colo, 0,42 de bíceps e 1,98 de estatura.

Entre as fotos de Johnson e Cravan, Stadium reproduce as seguintes: unha frontal da Praza Monumental de touros, lugar no que se desenvolverá o combate, e debaixo desta, dúas máis: Unha escena do adestramento de Cravan, na parte esquerda e na dereita Jack Johnson enfrontándose a Kid Johnson nun ring.

Stadium acababa aquel sábado a súa información sobre o combate con este solto na sección en que se daba conta dos eventos deportivos da semana seguinte:

PUXILATO

O match Johnson-Cravan

Para a festa puxilística que se celebrará o domingo próximo, polo serán, na Praza Monumental, combinouse o seguinte programa: Enrique contra Montero, Mora contra Solsona, Dalmases contra Barcino, Munich contra Aflack, Martínez contra Fred Jaks e Guss Rhodes (negro) contra Kid Johnson. Todos os asaltos serán de dous minutos.

Por último verificarase o gran match de vinte asaltos a tres minutos entre o campión mundial Jack Johnson contra o campión europeo Arthur Cravan.

Observe o lector que era a primeira vez que algún órgano da prensa barcelonesa se tomaba a molestia de sinalar os títulos boxísticos de Cravan, esquecendo, porén, que a súa maior gloria boxística talvez foran os combates de exhibición que dera en París contra Jim Johnson.

E a maioría dos xornais barceloneses dese día, traían anuncios sobre o combate. Co seguinte texto:

Praza de Touros Monumental de Barcelona

Mañá, domingo, ás tres e media da tarde, terá lugar o sensacional match de boxeo entre os famosos campións

JACK JOHNSON (negro) CONTRA ARTHUR CRAVAN (branco)

Nun match de 20 rounds de tres minutos cun de descanso, e luvas de cinco onzas

Prezos módicos

Ver programas

E chegou o gran día, o domingo día 23, día de Sant Jordi, Patrón de Catalunya. Aquel día os xornais limitáronse a esta sucinta noticia –reproducimos a versión de La Vanguardia, aparecida na sección «Deporte y Turismo»–:

Para hoxe

Ás tres e media da tarde. – Gran match puxilista entre Jack Johnson (americano) e Arthur Craván (inglés). Matches entre afeccionados e profesionais. Praza Monumental.

Os domingos saía o semanario L’Ilustració catalana (un deses órganos en catalán que non admitía a reforma ortográfica, e morfolóxica, de Pompeu Fabra). O do día 23 de abril era o número 672. Duraría dous anos máis. Velaí a noticia que daba este semanario:

Boxeo

Espertou grande interese entre o elemento deportivo da nosa cidade o match que se celebrará ás tres e media deste serán na Praza de Touros Monumental entre o negro Jack Johnson e o branco Cravan.

Moitos son os prognósticos e comentarios que se fan, pero o que sucederá e difícil de profetizar. Non tardaremos moitas horas en sabelo.

Mais nós, que presenciamos algúns adestramentos dos dous combatentes, inclinámonos, se non media inconveniente, que todo podería ser, a favor de Johnson.

O seu corpo é un bloque de pedra, os golpes que a el lle dirixen os seus adestradores non lle causan nada de efecto.

Hoche, Pomés, Robert, Toni Berton e algúns outros de menos categoría, loitaron con el e todos foron vencidos cando quixo dicirlles: basta!…

Cravan está animado; ten gran desexo de vencer, o que sería, se o conseguise, a súa fortuna, mais dubidámolo. Adéstrase con toda a fe, nós opinamos que talvez se adestra demasiado.

Hai unha aposta de cincuenta mil francos a gañar. Paga a pena deixarse facer unha cara nova.

A última hora, decatámonos que o Gobernador Civil autoriza o match, mais coa condición de que non sexa loita, senón exhibición.

Tal motivo, será causa de que o público experimente unha decepción?

Ventaba algo o redactor de L’ilustració catalana? Chi lo sa, pero entre rumores que percorrían os grupos de afeccionados ao boxeo e a final autorización gobernamental só para exhibición (ou case, non se podía derramar sangue), a cousa non cheiraba nada ben. Notemos tamén que é o único medio que fala dos cartos en xogo. Que acontecería na Praza de Touros Monumental, no gran combate entre o branco e o negros? Faltaban poucas horas para sabelo.

Os barceloneses que non foron á Monumental, aqueles que non souberon do resultado do match por rumores ou noticias, por asistentes ao combate, ao día seguinte saberían o acontecido pola prensa.

Velaí o que dicía o redactor (anónimo6) do xornal comecuras El Diluvio o luns 24 de abril de 1916 a respecto do combate Johnson contra Cravan:

BOXEO

Quen xulgue o que é o máis viril dos deportes [sports] polo que aconteceu onte na praza Monumental formará un pobre concepto. Máis valería que no canto daquela ridícula pantomima se efectuase un só combate a seis rounds con luvas de dez onzas que afasta todo perigo. Afortunadamente o público presentouse amábel e non houbo lugar ao que era de temer.

Piqué-Montero: Foi declarado vencedor este último.

Mora-Solsona: O citado en primeiro lugar foi declarado vencedor.

Dalmases-Barcino: Venceu o citado en último lugar.

Como intermedio subiron ao ring Geiss Rhodes e Kid Johnson, facendo unha exhibición de boxeo.

Jack Johnson e Arthur Cravan soben ao ring en medio da maior expectación.

Primeiro round. – Nótase unha superioridade manifesta de Jack Johnson, que domina e zarandea ao seu rival cuns cantos directos.

Segundo round. – Johnson descoida a garda a fin de que Cravan acometa. Algún lixeiro crochet demostra que, a querer, deixaría K.O. ao francés.

Terceiro round. – Cravan semella que está alí por compromiso, facendo Johnson o que quere del.

Cuarto round. – Cravan continúa completamente desconcertado.

Quinto round. – O papel do francés no ring é deplorábel. Se Johnson quere pulverízao.

Sexto round. – A chufa resulta xa interminábel, polo que Johnson decidiu darlle termo. Un directo e un crochet no queixo abondaron para o K.O.

Johnson, a fin de dar satisfacción ao público, rematado o seu combate con Cravan, fixo unha bonita demostración do boxeo con Rhodes e o seu sobriño Kid, que foron aplaudidísimos. Por aquí debía empezarse.

Rematou o espectáculo cos restantes combates anunciados entre outros boxeadores que non tiveron importancia.

Ese mesmo día 24, en portada, e asinado polo redactor de deportes, «Corredisses», o órgano de la Lliga, La Veu de Catalunya, publicaba a súa crónica do combate dentro da sección «Sport». Despois de dar o resultado de diversos deportes, chega ao boxeo, e «Corredisses» escribe o seguinte:

Boxeo

Na praza de touros Monumental diante de pouca concorrencia realizouse o anunciado desafío entre o ex-Campión negro Jack Johnson e o francés Cravan, que estes días fixera ruído de abondo.

Despois duns cantos asaltos dos boxeadores xa coñecidos e dunha exhibición de Rhodes e Kid Johnson, moi bonita, saíron os dous contrincantes.

O branco, moi asustado, no primeiro asalto, despois de cansalo o contrario con varios corpo a corpo, propinoulle tres golpes no estómago que o desconcertaron completamente. Durante cinco asaltos acabou por cansarse Cravan, mentres o negro se deixaba pegar para poder facer unha película, e ao chegar o sexto, despois de xogar materialmente co seu contrario, demostrando unha superioridade esmagadora, propinoulle un directo do dereito, seguido dun transversal que o lanzaron a terra, fóra de combate.

Despois o negro fixo unha exhibición cos seus adestradores e acabouse a festa, cuxo resultado non estrañou aos que coñecían a organización de espectáculos de profesionais do deporte.

CORREDISSES

O redactor de La Veu, ao final, avisa ao lector que o resultado do combate era o esperado debido a quen o organizaba. Veremos que outros xornais son máis directos.

La Vanguardia, que dedicaría máis artigos e informacións a este combate, abre a serie este luns 24 de abril coa crónica do combate:

O match Johnson-Cravan

Na Monumental reuníronse onte polo serán, de catro a cinco, unhas mil persoas para presenciar o match entre o famoso negro Jack Johnson e Cravan.

Abundaba talvez un exceso de policía.

O match estivo encadrado nun marco no que non sobresaíron como outras veces as proezas dos nosos puxilistas. Ignoramos por que causas, talvez por non querer facerse dano nos narices e que non houbese exhibición de sangue.

É un belo trazo para practicado (sic) nunha praza… monumental.

Iso é que Montero venceu a Piqué por puntos e escoitou aplausos.

Solsona venceu a Mora, e houbo protestas por parte do público.

Barcino, que combateu con alma, venceu a Dalmases. O público aplaudiu a Barcino e ao árbitro señor Casanovas.

Veu despois o encontro entre Gin Rodhés e Kid Johnson, abandonando este ao cuarto combate, e a continuación subiron ao ring Cravan e Jack Johnson.

Tamén subiron ao ring dous xefes de policía; xulgaron algúns que ían recomendar temperanza aos gladiadores, e o que recomendaron a un deles foi prudencia, pois parece que reclamou os seus honorarios por anticipado. O público que pensou en artimañas protestou.

O combate arbitrado por Tony Berton, durou seis rounds de tres minutos, caendo ao sexto Cravan K.O.

Cravan, ignoramos por que causas, non existiu. É demasiado o ex campión do mundo e talvez futuro campión.

A este vímolo facer poucas cousas notábeis, algúns golpes maxistrais, mais escasísimos; rematou a súa faena cun crochet que deu co seu adversario no chan.

Como non se sentiu fatigado, loitou –en forma de exhibición– con Gin Rhodés e Ked (sic) Johnson, aplaudindo entón o público ao colosal puxilista.

O espectáculo terminou con dous matches entre Munich e Seem e Martinez e Cutchet.

O publico conformouse pacientemente co que lle deron e foise enfurruñado por onde acudira.

Quen reclamara os seus honorarios por anticipado fora Cravan, que ademais pediu máis cartos, o que, segundo Maria Lluïsa Borràs, a quen llo explicou de viva voz o irmán de Cravan, Otho Lloyd7 enfureceu a Johnson e por iso decidiu «castigalo» no ring.

E este mesmo día 24, en El mundo deportivo, R. Larruy, é dicir, Ramón Larruy i Arnal (1889-1971), fundador e primeiro secretario da Federació Catalana de Boxa e posteriormente fundador e primeiro presidente da Federación Española de Boxeo, entregaba a crónica máis longa, e talvez a mellor (tecnicamente falando, xa que para unha excelente crónica, debería estar redactada en ton e estilo cravaniano), sobre o combate:

Na Praza Monumental

A EXHIBICIÓN DE JACK JOHNSON

Unha orde gobernativa enturba a marcha progresiva do boxeo en Barcelona

Cravan cae K.O.

Nebulosas

O día de onte xa non era moi apropiado para a celebración do combate Jack Johnson-Arthur Cravan, pois na mesma tarde xogábase un interesante partido de fútbol, había unha aceptábel combinación nas Arenas e medio Barcelona estaba no campo a celebrar a tradicional festa da Pascua, cousas que restaron bastante público, sen contarmos que moitos desistiron de iren –e non perderon nada– porque era do dominio público, por publicalo algúns amábeis colegas cun desinterese dun oitenta por cento, que o señor gobernador non deixaría facer outra cousa que non fose unha combinación.

No lugar da acción

O aspecto que ofrecía a praza era algo frío, pois cinco mil persoas que nela se reuniron, nun local tan grande, cheiraban a baleiro; pero máis valeu así, pois se aquilo chega a encherse, certamente que se parecería case ás Arenas de Reno, onde a afección pagou cincuenta duros por unha cadeira de ring e dez pola entrada xeral o día do célebre combate no que se disputaban o campionato mundial Jack Johnson e Jar Jeffries, pero o chasco sería do caro. Verdade é que o prezo das localidades non se pode comparar cos que rexeron en Reno o día do gran combate, nin cos que se acostuman a pagaren por combates de categoría nos países onde o puxilato é indíxena, mais relativamente pode dicirse que o espectáculo de onte era un dos que se chaman caros.

Consideracións

Do fracaso da festa deportiva [esportiva] tivo a culpa a nosa primeira autoridade gobernativa ao prohibir combater de veras. Non imos agora a discutirmos aquí se o puxilato é bárbaro ou deixa de selo; mais si é altamente ridíuculo que onde se lidan touros se queira suspender unha festa puxilista por antihumana. Se alguén quere facer comparacións, non ten máis que lembrar os pouquísimos accidentes ocorridos aos puxilistas e pólos ao lado dos moitísimos que ocasionou o toureo, sen falarmos agora da influencia que sobre os costumes das xentes exercen un e outro espectáculo.

O toureo crea chulos e o puxilato home fortes. Non hai máis que ver a correctísima actitude que gardaron miles de persoas que acudiron á praza despois que concluíu aquela comedia pola que pagaron tan boas pesetas.

Non obstante o fracaso, xulgamos que non hai para se desanimar, pois se Johnson buscase algún contrincante serio, dos que el indubidabelmente coñece e se solicitase ás autoridades permiso para combater en serio, serían moitos os que volverían velo aínda que o prezo fose o mesmo ou superior en moito, se se tratase do combate de desquite con Willard, por exemplo.

Os combates

O combate Montero-Piquer foi o mellor que se fixo, pero pecou de frouxo como os demais por boxear baixo a ameaza de suspender o acto ao máis pequeno accidente que pasase.

Nos primeiros rounds non houbo vantaxe apreciábel para ningún dos dous púxiles,mais no 5 e 6 Montero apertou un pouco e fixo que o combate fose seu.

O encontro entre Mora e Solsona non foi, en moito, o que o anterior, mais puidemos ver en Mora aceptábeis durdaings, que sabía aproveitalas para marcar bos directos. Durante todo o combate Mora levou visíbel vantaxe polo que foi declarado vencedor polo árbitro señor Casanovas.

Barcino-Dalmases fixeron un asalto bastante bonito, sendo de notar a mellora que na súa escola fixo Dalmases. Durante os primeiros rounds, nos que abusou do corpo a corpo, o combate foi moi igualado, mais non do agrado do público, que non está polo «agarrao». Ao finalizar, Barcino adquiriu un pouco de vantaxe e foi declarado vencedor.

O combate Guss Rhodes-Kid Johnson terminou ao cuarto round co fin de poder facer o de Jack-Johnson con suficiente luz para impresionar unha película.

Guss Rhodes gustou moitísimo máis que Kid Johnson.

Jack Johnson – Cravan

O ansiado combate Jack Johnson-Arthur Cravan foi unha verdadeira desgraza e pensamos que se Johnson o alongou foi debido ás ordes recibidas, pois cedo deuse conta de que o que tiña fronte a si era un ente inofensivo máis cargado de medo que doutra cousa.

Cravan estivo facendo o ridículo durante seis rounds, pois Johnson desde que o viu non o tomou en serio e estivo chufándose del dunha maneira mordaz. De non pasar entre eles o que pasou entre bastidores, seguramente que tería a cabaleirosidade de pólo K.O. ao primeiro round, co que lle evitaría un triste papel. No 5º round Cravan foi «knock doun» e no 6º K.O. o combate arbitrouno o profesor señor Tony Berton.

Johnson fixo logo unha bonita exhibición con Kid Johnson e co seu sobriño Guss Rhodes. Tío e sobriño deleitaron de veras ao público que indubidabelmente pensou que a falta de tortas, bo é o pan, en determinadas ocasións.

Foi bastante interesante o combate entre Soum e Munich, sendo declarado nulo.

O último combate entre Cutchet e Martínez foi sen dúbida o máis duro, xa que non había medo de que a festa se suspendese, xa que estaba a dar as boqueadas. Cutchet, a pesar de non adestrarse apenas, levou o combate con bastante habilidade, sendo declarado polo señor Casanovas nulo, como o anterior.

E non houbo máis.

R. LARRUY

En Madrid, os xornais non se fixeron eco deste combate. Só La correspondencia de España, na súa edición do día 24, na información de provincias, na parte dedicada a Cataluña, dá a noticia do resultado do combate:

CATALUÑA

De boxeo

O anunciado match de boxeo entre o negro Jack Johnson e o inglés Cravan desilusionou ao público.

Jack deixouse pegar durante cinco rounds, e no sexto aniquilou dunha puñada única a Cravan. O público, comprendendo o xogo, protestou ruidosamente.

Ao final, como se viu pola información que deu Maria Lluïsa Borràs, talvez non houbo tanto xogo como pensaron os xornalistas.

O día 25, El Poble Catalá publicaba a súa crónica do combate. Crónica dura e directa, como comprobará o lector:

Boxeo

Por fin, despois dunha indigna «réclame» e unha descarada propaganda, tivo lugar na praza Monumental o que algúns denominaron «Gran combate Johnson-Cravan», cando o máis propio e axeitado era o de «Gran timo ou enredo».

Os que coñecen a historia «chanchullosa» de Johnson e o carácter comercial pouco escrupuloso do empresario señor Hernández, retiráronse axiña con gran noxo desta parodia con tantas pesetas.

O espectáculo de antonte non podía ser senón unha segunda parte do acontecido en Madrid con Frank Cocier, coa agravante de que aquí, co obxecto de esvaecer o «fume» daquel combate apelouse a medios e «trucos» demasiado descarados. Afortunadamente, a prensa enxaboada cun lunch, non respondeu a esta inicuidade, senón que máis sincera e escrupulosa, se choeu no seu campo de imparcialidade e xustiza.

Polo tanto, todos os que viran o plumeiro deste «dueto», co comparsa Cravan, non se estrañaron do fracaso do domingo, fracaso ou burla que ao darse conta o pouco público que asistía de boa fe, comezou a exteriorizar a súa protesta, amansándoos os organizadores cunha demostración Kid Johnson-Jack Johnson e Guss Rhodes-Jack Johnson que aplacou un pouco os ánimos. Exactamente o mesmo que en Madrid!

A mágoa de todo isto é o alto grao de denigración que con isto se inflixiu ao viril deporte do boxeo. Moitos que non coñecen ben este deporte xulgarano por este espectáculo e sentiran toda a súa vida un repulsivo noxo polo boxeo.

E aquí pomos punto e final, hoxe. Se hai ocasión, pensamos proseguir máis alá. Hai moito de espeso e (palabra ilexibel) neste sarillo!

En verdade, o combate Johnson-Cravan deixaba un mal gusto de boca porque antes de que se celebrara, lanzáranse demasiadas campás ao voo, e as desilusión nunca son prato de gusto de ninguén, ou si, das revistas humorísticas, vexamos o que dicía o 26 de abril o semanario Papitu:

DEPORTES

Negros e brancos

Xa mo dixera o barbeiro que ten a honra de afeitarme, no momento en que me facía a segunda pasada.

–Acredite en min, non se deixe levantar a camisa. De Cravans, o Johnson necesita media ducia para divertir a puñada, que non ve que con só soprar mo deixara se cae ou «knock-out»?

Eu, verdade da boa, xa tiña as miñas dúbidas, xa que por unha banda tres pesetas son unha morea de miúdo nestes tempos de crise e por outra iso de non ver ao Johnson non ía cun sportman da talla e magnitude de servidor.

E fun, e convencínme de que iso de deixarse facer unha cara nova a cambio dunha chea de cartos é un negocio como outro calquera, e tal e como se van pondo as cousas paga a pena pensalo. É o que debía penar Cravan ao apalparse o peto: «Matar non te matará». Un par de lapotes, catro epítetos do público e un papel ridículo ben valen unhas cantas de mil del ala…» E o demais xa o deberon ver o domingo na Monumental… Johnson, que é unha especie de cómoda de campesiño con pernas e brazos reforzados, entretívose cravan8 a Cravan uns cantos sopapos paternais e de amigo cariñoso. Cando xulgou que a cousa duraba demasiado, enviou unha de clásico, e o branco, que se vía negro, foi botar as tripas. O público, entenrecido, fixo a gran lea e un servidor foi a ver a Jonson e a Tony Berton (ou sexa, Julián Oñate) e atopouse con tres pesetas menos que boa falta lle fixeron aquel serán no «Edén» 9.

O mellor do serán, deixando de lado os de casa, xa que son de confianza, foi unha liorta entre Guss Rodhes e Kid Johnson. Aquilo eran labazadas con arte, lapotes con estilo e puñadas con ciencia…

[…]

Papitu, nº 387, 26 de abril de 1916.

En verdade, a crónica deste combate só podía ser humorística, porque desde o inicio todo era unha gran broma. Ora, as «forzas vivas» non tomaron a cousa a broma. Velaí o que se publicada ao día seguinte en La Vanguardia, asinado por N. M. (é dicir, Narciso Masferrer), na sección «Deportes e Turismo»:

A propósito dun match

É innegábel que en todos os nosos círculos deportivos e aínda en moitos que non o son, o tema preferente continúa a ser o match no que participara o domingo polo serán o famoso Jack Johnson.

A maior abondamento, por se se me supón fanatizado con estas cousas do deporte e do boxeo, direi que as noites que se proxectou a película do célebre combate Willard-Johnson na Habana e presenciado por máis de cen mil persoas, desde o Presidente da República ao máis humilde cidadán, estiveron cheos os cines. O luns pola noite non se cabía no Eldorado.

Que o que o público ansiaba era ver a Johnson –ao que non quixo ir ver na praza de touros– demóstrao o feito de que cando apareceu sobre na branca tea o título «Match Williard (sic)-Johnson» se escoitase un Ah!… prolongado de satisfacción e que ao final, a vitoria do célebre cow-boy fose premiada con aplausos. Non nos di nada?

Mágoa que Johnson non atopase aquí un contrincante da súa categoría; mágoa que para o espectáculo se escollese unha praza de touros, e mágoa tamén que o que as nosas celosas autoridades viñeron a consentir en todo tempo –mandando conservadores e liberais– no Iris Park e en La Bohemia, se interrompera por temores infundados, que ben claro se viu non houbo lugar de que se confirmasen.

Non nos propomos facer unha defensa do puxilato, porque iso non é mester.

Se no canto de escoller –por torpezas que non se poden imputar ao empresario, que traído e lavado por une e por outros non fixo máis que arriscar os seus cartos– a praza de touros Monumental, se realizase o espectáculo no Frontón Condal, por exemplo, de cuxa empresa forman parte dous entusiastas esportsmen, e se encadre o match dentro dun programa máis suxestivo, Johnson e Cravan combaterían máis ás súas anchas, sen necesidade de se veren rodeados de forzas enormes de policía e a Barcelona deportiva presenciaría un espectáculo, que se compraceu en contemplar en película, con satisfacción e con aplauso, sen o asustar o derramamento de sangue, pola sinxela razón de que na Habana non verteron nin unha soa pinga nin Williard (sic) nin Johnson.

En Madison Square de Nova York, acaba de se celebrar un match entre Williard (vencedor) que gañou 362.500 francos, e Frank Moran que se embolsou 118.850. Ao árbitro correspondéronlle 6.000 francos. Algo máis que ano noso Tony Berton!

Coas restrición de aquí esas cifras antóllansenos enormemente fabulosas. Coas catro ou cinco mil persoas que acudiron o domingo á Monumental –aproveito a ocasión para salvar a errata de imprenta que apareceu o luns10 (10)– non contando os policías, non se poden preparar espectáculos desa índole consentida en nacións moi civilizadas, como non sexa polo mero capricho de rebentar a cantos se aventuren nesas empresas.

Jack Johnson pensa quedar en Barcelona para estabelecer unha escola de cultura física, namorado do noso país e principalmente da nosa cidade, que reúne o privilexio de encantar a cantos teñen a sorte de poder admirala.

N.M.

Ao día seguinte en La Vanguardia, Ariel (descoñezo o nome do seu autor, evidentemente non é a xornalista, galega de nación, Mari Luz Morales; digo isto porque pola rede corre unha lista de pseudónimos de personalidades galegas ou nacidas en Galicia e a esta xornalista apónselle este pseudónimo, o que é certo, pero foi despois de 1940 e nunca en La Vanguardia) aproveita a celebración do combate Johnson-Cravan para chamar a atención sobre a brutalidade do boxeo, e sobre a profesionalización dos atletas e deportistas; acho que paga a pena reproducir as súas palabras e, sobre todo, que o lector as contextualice: estamos en 1916, en plena guerra mundial:

COTIÁS

Debemos felicitarnos de que a loita entre o negro Johnson e o branco Cravan pasase sen espertar apenas o interese do noso publico, aínda que outra cousa nos digan os cronistas deportivos, entre eles un querido amigo e compañeiro que agacha tras dunha concesión ao desportismo múltiple e heteroxéneo –concesión de apostolado– un movemento íntimo e espontáneo de repulsión, porque o bo gusto repele sempre a brutalidade… e o meu compañeiro ten bo gusto11.

Acho que se pode ser un bo sportman e abominar do boxeo ao mesmo tempo. En acreditar o contrario está o erro dos cronistas deportivos. E atrévome a dicir máis: o boxeo é algo independente da cultura física propiamente dita, ou se se quere unha manifestación decadente de semellante cultura, un paso atrás.

O cultivo do músculo non depende da loita en si, senón da preparación que a precede: carreiras a pé ou footing, ximnasia respiratoria, tratamento local dos músculos do colo, do estómago, etc., saltos, exercicio de brazos co ball de adestramento. Desta maneira fortalécese o corpo, que non dándose puñadas. A loita non pode suxeitarse a un plan de educación periódica e formativa: é o resultado da forza cultivada, non o cultivo da forza; é o fin que se persigue, non a educación.

Ora ben, entendo eu que o fin único estimábel de todo sport é a fortaleza do corpo, a saúde, e que o traspasar este limite discreto é caer nunha especie de virtuosismo da forza bruta moi próximo á anormalidade. De aí procede o descrédito do sportman profesional en todas as súas manifestacións e particularmente no boxeo. Exclusivamente da súa forza viven o atleta e o boi, e aínda que a retribución que obtén o primeiro sexa de ouro e o que se dá ao segundo sexa alfalfa, non por isto é distinta a categoría das seus merecementos: a variación está nas esixencias dixestivas que distinguen ao boi do atleta, o seu competidor.

O puxilismo é simplemente unha liorta de homes, que dá motivo a grandes apostas, como as pelexas de galos. Nos Estados Unidos, patria dos grandes boxeadores e onde non existe outra espiritualidade que a de importación, posposta ao arancel aduaneiro, os homes prácticos entreteñen os seus leceres cruzando millóns por estes ou aqueles narices de dous puxilistas célebres. E non se trata na loita de buscar unha emoción artística, senón única e simplemente a emoción do xogo. E o xogo, que chegou a crear certo ambiente distinguido nas carreiras de cabalos e nas salas dos grandes casinos, volve á súa orixe innobre e tabernaria cando toma por pretexto a loita de dous homes que, sen motivos para se odiaren, ás veces sen se coñeceren sequera, se dan de pancadas até perderen o sentido un dos sátiros. Nas corridas de touros o paso á enfermaría é un accidente; no boxeo é o desenlace esperado e aplaudido.

Vén despois o efecto sentimental, a afección do pobo, inevitábel, aos heroes do ring. O pobo, que non pode apostar a súa bolsa, como os ricos, aposta o corazón. E isto complicouse terribelmente en América coa rivalidade de negros e brancos. Ás veces o puxilista que salta ao ring, vencedor, é linchado ao saír á rúa. Cando a loita de Johnson con Jeffries, brancos e negros andaron a puñalada limpa polas rúas de Nova York durante algúns días. Unha apoteose de sangue.

E para que, señores? Se o obxecto é semellarnos cada día máis ás bestas, non hai que ter presas. Para que apresurar os acontecementos. Todo chegará co tempo; non equivocamos o camiño.

ARIEL

Despois deste descanso no camiño, e chamamento á razón, volvamos ao tema que nos trae.

A prensa española non se fixo eco deste combate, por hache ou por be, vaian saber vostedes. Curiosamente, a única noticia que atopamos nas distintas hemerotecas virtuais nun xornal non catalán deste combate foi en El Porvenir Castellano, de Soria, que na súa edición do 27 de abril na «Crónica Barcelonesa» enviada polo seu correspondente, que asina así, en castelán, «El corresponsal», entre outras cousas, escribe:

Na Monumental celebrouse o Match de boxeo entre o negro Jack Johnson e Cravan. O negro, indiscutibelmente, superior ao branco, entretívose xogando e deixándose pegar durante cinco rounds e o sexto atopándose Cravan completamente rendido recibiu un golpe que o puxo fóra de combate.

O público desde o primeiro momento comprendeu o xogo e protestou ruidosamente, xa que os prezos para presenciar esta loita eran moi elevados. As cadeiras de primeira fila custaba no portelo 86 pesetas, as de segunda 28, de terceira e cuarta fila 15 e as restantes 12. A entrada a sombra 3 cincuenta e ao sol 2 pesetas.

Os sete matx (sic) entre afeccionados e profesionais, que se celebraron antes da loita do negro, tampouco resultaron, pois semellaba que loitaban todos con medo, quizais porque o Gobernador lles dixera que tan pronto como se derramase unha pinga de sangue suspendía o espectáculo e faría responsábel á Empresa dos prexuízos que reclamase o público.

O correspondente do xornal soriano, cando menos dá o prezo da entrada, cousa que non fixera ningún xornal, nin semanario, barcelonés. Como tampouco informaron estes xornais e semanarios da bolsa que estaba en xogo, a non ser El Poble Catalá, como xa se viu. Esta información aparecerá, como veremos, onde menos se podía supor.

Ao día seguinte, o 28, é o semanario humorística L’Esquella de la torratxa quen entrega a súa opinión sobre o combate:

OS DEPORTES

O match Jack Johnson – Arthur Cravan resultou unha pavería. Unha comedia e un fracaso estrondoso de publico que se ve que non está para estas cousas. Proba disto é que mentres na Monumental, con boxeo, non había máis de mil persoas, nas Arenas, con corrida de touros, non se cabía.

De todos os xeitos, xa fixo ben a xente en non ir ver este, digamos, match. Porque acrediten que o pobre Cravan fixo un papel ben ridículo.

Este señor non é un boxeador de punta, como dicían, nin ten facultades para enfrontarse cun pinta como Johnson, que te o cu pelado de arrastrarse polos rings de todo o mundo. Para o que fixo, calquera dos nosos afeccionados dos ximnasios sería bo; que digo bo?, faríao seguramente moito mellor.

Nunha palabra, que o negro se desfixo do branco no sexto round, como se puido desfacer no primeiro se lle petase.

Con isto, acredítenos, señor Cravan, déixeo, non se enrede máis nestas cousas.

[…]

L’Esquella de la torratxa, nº 1948, 28 de abril de 1916.

As últimas noticias na prensa barcelonesa sobre este combate Johnson-Cravan aparecen primeiramente o día 29 de abril, a seis días da súa celebración: é no semanario Stadium, que lle dedica a portada (ver ilustración) e a crónica en páxinas interiores, na páxina 281: «Actualidades gráficas. Boxeo: O match Jack Johnson Arthur Cravan». Reprodúcense fotografías do combate e sendas caricaturas de Johnson e Cravan realizadas por León. Dúas das fotografías levan este pé: «Dous episodios do combate (?) que tanta expectación espertara». A outra, simplemente: «No cuarto round». E velaí a crónica deste combate, que non asina ninguén.

Confesamos que nos levamos un chasco, o domingo, perante o ring levantado no centro da Praza Monumental. Presións gobernativas que non é agora ocasión de criticar, transformaron os combates que precederon ao que con tanto afán estiveramos esperando, nunha cousa enormemente anódina e sen lance algún.

Pero o noso chasco maior foi ao chegar ao tan enxalzado match, enxalzado até por nós mesmos, que acreditaramos de boa fe nas forzas e nas dotes de Cravan.

Aquí coñeceramos até agora algúns puxilistas que tiñamos por moi notábeis, e con estes, Cravan se revelara a tal altura, que todo facía presumir unha loita interesantísima. E xa que a fama de que viña precedido Johnson nos quitaba toda esperanza de que puidese triunfar o branco, pensabamos, cando menos, que este resistiría moito e sabería defenderse bravamente.

Mais non foi así. Desde os primeiros momentos viuse unha inferioridade tan manifesta, que Cravan non semellaba outra cousa que un novato que subira ao ring por vez primeira. Se Johnson non o deixou k.o. ao primeiro asalto, foi porque o negro gozou uns minutos facendo quedar no máis espantoso dos ridículos aos que se fixeran as máis atrevidas bravatas. Quitouno de diante cando quixo e como quixo.

Iso nos fixo comprender, xa que non houbo lugar para demostralo doutra maneira, que non tiñamos idea do poder de Johnson, e nos fixo pensar, ademais, no interesante que resultaría o match se no canto dun inofensivo Cravan se presentase ante Johnson un rival digno do campión do mundo.

Só vimos a Johnson algo máis elocuente que con Cravan nas exhibicións que fixo despois co seu sobriño Guss-Rhodes e co seu adestrador. Foron uns minutos deliciosos que compensaron en boa parte o desengano sufrido.

Polo demais, temos que recoñecer que a concorrencia foi bastante máis numerosa do que podía esperarse, e por esta razón é máis de lamentar aínda que o espectáculo non tivese outros alicientes que o da exhibición da corpulencia e do poder de Johnson.

Stadium. Revista ilustrada de sports, nº 153, 29 de abril de 1916.

E a segunda, e última noticia do combate, apareceu no mensual La Ilustración Artística, revista editada pola editorial Montaner & Simón. Curiosamente, a sede desta editorial, hoxe desaparecida, alberga desde hai anos a Fundación Antoni Tàpies, situada no corazón de Barcelona, ao carón do Passeig de Gràcía. Esta revista, á parte da crónica do combate, reproducía dúas fotos, de A. Merletti, unha do momento da chegada de Jack Johnson á Praza Monumental, acompañado da súa esposa, amigos e curiosos, e a outra era unha instantánea do combate (ver ilustracións). Velaí a «crónica», que non leva sinatura:

BARCELONA

MATCH DE BOXEO ENTRE JACK JOHNSON, EXCAMPIÓN DO MUNDO, E ARTHUR CRAVAN, CAMPIÓN DE EUROPA

Entre os afeccionados que o boxeo ten na nosa cidade espertara grande interese o match anunciado entre o célebre negro Jack Johnson e Arthur Cravan, excampión do mundo o primeiro, e campión de Europa o segundo.

Jack Johnson viña precedido de fama universal que conquistou cando, en 4 de xullo de 1910, alcanzou o título de campión no célebre match con Jacobo J. Jeffries efectuado en Reno. Daquel match, que tanta sensación causou nos Estados Unidos, demos conta nun artigo especial no número 1.519 de LA ILUSTRACIÓN ARTÍSTICA.

De Cravan sabíase que era un puxilista de primeira forza, e o simple feito de querer contender con Johnson era a súa mellor recomendación.

Durante varios días, ambos contendentes efectuaron os seus adestramentos, e cantos tiveron ocasión de presencialos auguraron que a loita entre os dous había ser en extremo emocionante, pois nun e outro debía haber grande interese: por parte de Johnson en conservar a fama tan afanosamente conquistada, e por parte de Cravan en vencer ao seu contrincante e alcanzar deste xeito unha celebridade universal.

Con estes antecedentes fácil era prever que o espectáculo anunciado atraería moita xente afeccionada ás grandes emocións e que os amantes do boxeo presenciarían un match baixo todos os conceptos extraordinario.

Mais a última hora o digno gobernador civil desta provincia, D. Félix Suárez Inclán, fundándose en que o boxeo, tal como se practica noutros países, non está autorizado en España, impuxo varias restricións ao anunciado match e deu ordes terminantes á policía para que suspendese o espectáculo en canto houbese a menor efusión de sangue.

Como se comprenderá, isto tirou moito interese á loita, que quedou reducida a pouco máis que un simulacro.

Isto non obstante, foron en bastante número os afeccionados que o serán do 23 do corrente acudiron á Praza de Touros Monumental onde había de realizarse o match Johnson-Cravan.

Precederon a este outros matches entre varios puxilistas barceloneses e estranxeiros: Montero venceu a Piqué, Solsona a Mora, Barcino a Dalmases e Gin Rhodes a Ked (sic) Johnson.

Finalmente subiron ao ring Johnson e Cravan, podendo desde logo apreciarse a enorme superioridade do primeiro sobre o segundo, quen caeu ao sexto round, quedando knocked out. Aínda que Johnson non tivo que facer grandes esforzos para vencer ao seu contrincante, quixo lucirse dando algúns golpes verdadeiramente maxistrais, que demostraron o que pode facer fronte a fronte dun rival digno del.

Como despois deste match non se sentía fatigado, loitou Johnson, en forma de exhibición, con Gin Rhodes e Kid Johnson, conseguindo moitos e entusiastas aplausos.

La Ilustración Artística, nº 1.792, 1 de maio de 1916.

Até aquí parte do que a prensa barcelonesa, con algunhas mostras de fóra, dixo sobre os preliminares e o combate entre Jack Johnson e Arthur Cravan. Está claro que ningún órgano da prensa barcelonesa investigou os antecedentes deportivos (e moitos menos os literarios) de Cravan, que chegara a campión de Francia de semi-pesados porque o seu contrincante, Pecqueriaux, non se presentou. E certo é que gañou algúns combates, mais nunca por k.o., sempre por abandono dos seus contrincantes. Todo o demais, era lenda montada por el propio.

Ora, observaría o lector que nunca se fala do que cobraría o gañador do combate. É como se para os redactores de deportes, os cartos estiveran maldicidos e non se puidese falar deles, cando, por exemplo, como vimos, Ariel en La Vanguardia explicaba moi ben que quen movía o boxeo era nos cartos. Canto se levou o gañador do combate Johnson-Cravan? Curiosamente fun dar coa noticia na prensa francesa. O diario parisiense Le Journal, un dos poucos xornais franceses que se fai eco deste combate, primeiro en noticia publicada o 13 de abril na sección «La Vie sportive»:

Jack Johnson en España. Confírmannos desde Barcelona a chegada a España do famoso puxilista negro Jack Johnson, ex-campión do mundo. Parece ser que Johnson vai subir ao ring a finais deste mes e terá como adversario un tal Arthur Cravan.

Estes gabachos… Porque non estará de máis lembrar que o nome de Cravan, polos seus escándalos, pasou unha semana no cárcere por unha crítica de «arte» contra Marie Laurencin, e no propio Le Journal o seu nome aparece en diversas ocasións: français, vous avez la mémoire courte! E, ademais, neste xornal, e noutros, cando anunciaban os seus combates de boxeo, de exhibición, con Jim Johnson, chamábanlle, como xa apuntamos máis enriba, sir Arthur Cravan. En fin, os franceses son moi franceses, e por iso, neste mesmo xornal, na edición do 5 de maio, cando pasaran case dúas semanas do combate e cuxo resultado xa se coñecía, pode lerse:

Jack Johnson en Barcelona. Grandes carteis anuncian, en Barcelona, un encontro entre Johnson (110 k.) e Arthur Cravan (105 k.) por unha bolsa de 15.000 pesetas. –Arthur Crfvan, súbdito inglés, sobriño de Oscar Wilde, dise poeta francés.

Sabendo, por exemplo, que a subscrición mensual a un xornal como La Vanguardia custaba unha peseta ao mes, bote contas o lector dos cartos que levou o gañador. Canto se levou o perdedor, é dicir, Cravan? Non o sabemos, mais pensamos que pouco, xa que nunca carta que enviaría en setembro dese ano a un amigo, afirma que só lle quedan 10 francos. Tres meses despois embarcaría no Montserrat para os USA.

Por que desafiou a Jack Johnson? Segundo Maria Lluïsa Borràs porque necesitaba os cartos para irse aos Estados Unidos. Se gañaba a bolsa do combate, tería cartos mais que suficientes, mais el estaba seguro de non gañar, de aí que antes do combate pedise ao promotor, Hernández, un aumento dos seus emolumentos… e que lle pagase por adiantado: Hernández, como lembraba El Poble Catalá, tiña fama de «chanchulloso», fama que Cravan debía coñecer. Johnson, soubo desa manobra de Cravan, manobra que significaría unha redución da súa remuneración e, seica, enfadouse, de aí que decidira castigalo no ring: con golpes que evitaron o derramamento de sangue. Certo é que foi unha «pantomima», mais o castigo realmente existiu. Por outra parte, anos despois correu a lenda de que Cravan se presentara bébedo ao combate, o seu irmán Otho díxolle a Maria Lluïsa Borràs que non era certo, o que si era certo, corroborado polo propio Otho, é que se presentou á Monumental de Barcelona totalmente asustado. Mais continuemos.

A partir do 1 de maio o nome de Cravan, non así o de Johnson, desaparece da prensa barcelonesa, volve aparecer o 14 de xuño, en La Vanguardia, na sección «Deportes y Turismo», no apartado «Puxilato», pode lerse:

Dous entusiastas sportsman acarician o propósito de montar en Barcelona un ring á altura dos mellores norteamericanos, que permita a exhibición na nosa cidade dos mellores puxilistas mundiais.

Coa aquiescencia dos empresarios do Frontón Condal, concederon que lles fose cedido aquel fermoso local, onde a partir do día 26 do corrente, se celebraran frecuentes soirées non só co carácter de loita, senón, á vez, como demostración de axilidade, que polo que atinxe á cultura física, se pode adquirir co adestramento puxilista.

A primeira sesión constituiraa o interesante match Cravan-Hoche, e segundo as nosas noticias, a empresa ten en proxecto a contrata dos reis do boxeo: Johnson, Charpentier, etc.

Dez día despois, o 24, o día de San Xoán, La Vanguardia, na mesma sección e no mesmo apartado, daba unha noticia que, no fondo, non era máis que a ampliación da que dera o día 14 sobre o mesmo tema

Segundo se nos comunica, a empresa do novo Ring que pasado mañá debe inaugurarse no Frontón Condal, conta xa co abono cuberto para as súas soirées, figurando entre os aboados a élite da boa sociedade barcelonesa.

Temos noticia de que van por bo camiño as negociacións de contrato co notábel Jhonson (sic), e a última hora dísenos que, se non se malogran os bos desexos dos novos empresarios, pensan presentar en Barcelona, ademais de Charpentier o notábel Jeffries, co propósito de reproducir na nosa capital os interesantísimos matches que en París e en América tiveron lugar durante os últimos anos.

O match Cravan-Hoche anunciado para pasado mañá luns, espertou algunha expectación entre os deportistas barceloneses.

É ese luns, 26, en case todos os xornais barceloneses apareceu este anuncio:

FRONTÓN CONDAL

GRAN GALA DE BOXEO

Hoxe, 26 de xuño 1916, dez noite, extraordinario e sensacional match

FRANK HOCHE contra ARTHUR CRAVAN

Detalles por carteis

É evidente que este combate Cravan-Hoche non levantou a expectativa que levantara o que se realizara na Praza Monumental. Por outra parte, os xornais non din nada. Talvez os barceloneses afeccionados ao boxeo non se fiaban dun combate en que un dos contrincantes era Cravan. Non levantou expectativas e a información do resultado do «match» non apareceu nos xornais nin nas revistas deportivas, agás en El Poble Catalá, que o xoves 29 de xuño informou ao seu lectores sobre este combate:

Os deportes

Boxeo

O luns á noite tivo lugar a primeira das veladas de boxeo que a empresa Gomila pensa dar no amplo e aristocrático local do Frontón Condal.

O combate Frank Hoche–Arthur Cravan atraeu a esta sala un numeroso público que non coñecía as mil outras veladas que deste deporte se deron nos «rings» de L’Esquerra de l’Eixample, Iris Park e Bohemia Modernista.

Comezou a velada o combate Sarg–Solé, moi interesante e movido e que se declarou nulo ao finalizar o octavo e derradeiro asalto.

Stanley e Suse fixéronnos tamén un bonito combate no que a pesar de ser máis forte e potente o segundo, o árbitro señor Tony Berton declarou vencedor por puntos a Stanley.

Así mesmo foi moi interesante o combate Miró–Flaix, dous rapaces de grandes disposicións para o boxeo, que se fixeron aplaudir en diversas ocasións.

Ao finalizar o décimo e derradeiro asalto foi declarado match nulo, a pesar, segundo a nosa opinión, de entrar máis o Flaix.

Acto seguido subiron ao «ring» Franck Hoche e Arthur Cravan. O primeiro asalto transcorreu monótono e algo indeciso animándose o combate a medida do seu transcurso. Resumindo, diremos que as condicións físicas de Cravan imposibilitaron ao seu contrincante poder desenvolver a súa ciencia e os seus coñecementos, elementos que posúe en máis alto grao que Cravan. Este, en cambio, a súa estatura desmesurada ao lado de Hoche, permítelle atacar e defenderse con máis facilidade e máis empuxe. Non obstante, como dicimos, estivo moi superior e entrou máis veces Franck Hoche. O señor Tony Berton declarou o match nulo.

Esta é a última noticia que sobre Cravan sae na prensa barcelonesa aquel 1916. O seu nome volverá aparecer un ano despois, no número 205, correspondente ao 28 de abril de 1917, da revista Stadium, nas efemérides do mes de abril, lembrando o seu combate o ano anterior con Jack Johnson, e até os anos cincuenta, o seu nome non volve ser mencionado, e case sempre da man, ou da pluma, de Sebastià Gasch, tanto en Destino como noutros órganos da prensa barcelonesa como Hoja del Lunes ou Tele/eXpres.

No fondo, case podemos considerar este combate como un espectáculo pre-dadaísta. Noutros lugar, Teatro e surrealismo (Santiago de Compostela, edicións Laiovento, 1999, p. 43 e 44), despois de enumerar as características da dramaturxia dada, afirmaba que os procedementos do teatro dada (e surrealista) tiñan unha función clara: un ataque organizado ao público. «Ataque que conforman mediante o que se podería chamar unha estratexia do disturbio. Mediante esta estratexia trátase de cuestionar e revisar os hábitos de recepción e as actitudes de expectativa do espectador, que ata entón percibía dunha maneira puramente pasiva, etc.», é dicir, o espectáculo dada (e surrealista) necesita unha resposta inmediata do público, a favor ou en contra. Era iso o que procuraba Cravan? Achamos que non, mais no fondo máis que un combate de boxeo el sabía que ía dar un «espectáculo», e que o público respondería. Se respondeu con «tranquilidade», talvez se deba a que, como afirman varios dos cronistas do combates, había unha cantidade inusual de policía. E hoxe, este combate, que pasou á historia da «arte» do século XX, non é considerado como un combate habitual de boxeo, senón cono un espectáculo provocativo e, talvez, provocador: en todo caso, unha parodia do boxeo e do deporte en xeral, aínda que Cravan tomase aquel en serio.

***

Apéndice

ARTHUR CRAVAN CONTRA JACK JOHNSON

Esta entrevista apareceu no número 4 de The Soil. Traducímola a partir da versión francesa publicada en Arthur Cravan, Oeuvres, París, Editions Gérard Lebovici, 1987, pp. 130-131.

«Foi un serán da primavera de 1916 que me enfrontei a Jack Johnson, di Arthur Cravan. O match tivo lugar nas Arenas de Barcelona, en España, e durou sete rounds.»

Pregunteille: «Que impresión lle fixo o seu adversario?» transcribo aquí máis ou menos as palabras que empregou:

«É un tipo serio. Ten todas as calidades do boxeador, agás o punch. Sei moi ben que se di frecuentemente que ten un punch fulminante, mais ao combater con el decateime de que non era exactamente verdade. Ten todas as calidades físicas, é rápido como o raio, posúe unha formidábel ciencia e é temibelmente intelixente. Un peso mosca non o faría mellor. Vino derrotar pesos lixeiros, deixalos case sen reacción. En suma, é formidábel, mais non ten un golpe impecábel, non golpea como un Sam Langford. Un inquieto golpeará limpamente, cortante, mais en Johnson hai algo de demasiado redondeado, de demasiado envolto, e cando te golpea tes a impresión de que a súa luva pesa algunhas onzas de máis das que ten en realidade. No meu combate contra el percibín que era case imposíbel traspasar a súa esquerda e ademais deféndese formidabelmente. Unha vez, apuntábame ao estómago, faltou unha fracción de segundo para que non me tocase –o golpe encaixouno o meu cóbado. Riu, e penso que eu tamén rin… Sabía que ía ser batido –aínda que debo dicir que había dous anos que practicamente non me enfiaba as luvas. Johnson adéstrase todos os días da creación, mais cando se prepara para un combate, quere que as xentes saiban que se toma a cousa en serio e se pode ver como vai cun caxato correndo polas rúas, cuberto de chándals. Frecuentemente hai alguén que o segue, un pouco atrás, finxindo que lle é imposíbel manter o ritmo.

«Como se mantiña no ring?, pregunto.

Cravan levántase da súa cadeira e explica:

«A súa esquerda está un pouco baixa, e é a man que utiliza máis, apoiándose na súa perna dereita. É un boxeador defensivo. Hai algo en Johnson arribista. En Barcelona comprara mobiliario por vinte e sete mil pesetas e, pouco tempo despois, mentres estaba con el no hall do hotel, perto dun terceiro, díxome: “Fálelle a ese tipo”, aludindo ás súas compras. “Non o coñezo”, protestei eu. “Non importa, dígallo”, replicou o grande exiliado. Hai nel algo de arribista, pero máis aínda de rei; as súas pálpebras son reais; é unha especie de Luís XV. No hotel, cada vez que se presentaba un xornalista, dicía: “Outro máis deses malditos reporteiros”. Cada vez que lle presentaban unha conta dicía “Mañana, mañana!”12 –e completaba a frase cun desprezativo: “Pedir cartos ao campión do mundo!” Non digo isto para humillalo: é un timador e noutros momentos un verdadeiro neno. Fóra do ring, é un home escandaloso –ámoo moito por isto. Excéntrico, animado, ten un bo fondo e é gloriosamente van. Todo o que ten que ver con Johnson é asunto para unha manda de policías. Sinto por el unha grande admiración. Coñecino un pouco en París antes de que nos encontrásemos en Barcelona para realizar o combate. Era nun cabaré e como non quería o seu árbitro, enfadouse. Golpeoume na mandíbuls e acabou nunha pelexa xeral. Ao día seguinte, podíase ler nos xornais españois: «Era peciso ser fillo de heroe para ousar interporse». Nin un nin outro estabamos en plena forma física. Eu quedei axiña sen alento. O máis molesto para min era a súa esquerda: con ela mantíñame a distancia. Mide no entanto cinco ou seis centímetros menos ca min. É, na esteira de Poe, Whitman e Emerson, a máis grande gloria de América. Se houbese aquí unha revolución, bateríame para que o entronizasen rei dos Estados Unidos.»

NOTAS

1 (1) En 1993, o Concello de Tossa de Mar en coedición coa Editorial Eumo, publicou un caderniño de Gloria Bosch/Susanna Portell: Olga Sacharoff & Otho Lloyd. Curiosamente, se ben se fala dos artistas refuxiados en Barcelona durante a guerra mundial, nunca se menciona o nome do irmán de Otho, Arthur Cravan, a pesar de que aparecen nunha foto os dous, cando nenos.

2 (2) Ou o autor da crónica fala de oídas ou xoga cos seus lectores, xa que a revista sempre se titulou Maintenat, en francés: a que vén o título en inglés?

3 Praza de touros. En Barcelona había dúas, esta, de menor capacidade, e La Monumental. A primeira hoxe é un gran centro comercial.

4 Xogo de palabras intraducíbel: «entre la boxe i la cossa» (boxe soa «boxa». O certo é que no catalán actual no canto de boxe escríbese, e dise, boxa).

5 Xogo máis ou menos fonético intraducíbel Galta (meixela) e Ganga.

6 É rumor que durante moitos anos, cando entraban novos redactores ou bolseiros nun xornal, despois das probas, os «veteranos» enviaban aos que consideraban máis parvos á sección de «deportes».

7 Maria Lluïsa Borràs, Arthur Cravan. Una biografía, Barcelona, Sirmio-Quaderns Crema, 1993, p. 158. De momento, a mellor e máis informada biografía de Cravan.

8 Xogo fonético intraducíbel: Clavant, en catalán, cravando, soa case como «cravan».

9 «Edén», sala de festas moi coñecida aqueles anos en Barcelona, situado na rúa Conde del Asalto, en pleno Barrio Chino. Durante o franquismo converteuse en cine, hoxe, o que era a súa entrada, é o «hall» é dun hotel.

10 Véxase máis atrás a crónica de La Vanguardia do día 24.

11 O seu compañeiro, evidentemente, é Ramón Larruy. Véxase a crónica deste o día 24 en El mundo deportivo.

12 En español.

 

ILUSTRACIÓNS

Revista Maintenant.

Cravan adestrándose.

Cartel de combate de Arthur Cravan.

Carteis anunciadores do combate.

Stadium.

Fotografías do combate.

La Ilustración Artística.

Cravan.

Esta entrada foi publicada en Arthur Cravan, GSG, Referentes, Traducións, Xesús González Gómez e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.