Un poema de Henri Michaux

O mal é o ritmo dos demais.

Por que toco o tambor agora?
Para a miña barreira
Para romper as vosas barreiras
Para franquear a onda crecente de novos empecedores
Para auscultarme
Para tomarme o pulso
Para precipitarme
Para acougar
Para deixar de confundirme coa vila con ELES co país con onte
Para manterme a cabalo firme

Contra Versalles
Contra Chopin
Contra o alexandrino
Contra Roma
Contra Roma
Contra o xurídico
Contra o teolóxico
Contra Roma
Tambor á crítica
Tambor moenda
Tambor buxaina
de pé dándolle as costas á foxa
sen dinastía sen bispado
sen protectores sen paralizadores
sen aloumiños sen inclinarse
Tambor do peito da terra
Tambos dos homes co corazón semellante a puñazos
Contra Bossuet
Contra a análise
Contra a tribuna a cátedra o púlpito da Verdade
Para rachar
Para contraatacar
Para contrarrestar
Para machucar
Para acelerar
Para precipitar
Para botar abaixo
Para abandonar o posto de traballo
Para rir na fogueira
Para abalanzarme
Para abalanzarme
Contra a arpa
Contra as irmás da arpa
Contra os panos
Para abalanzarme
Para abalanzarme
Para abalanzarme

Contra o Número Áureo.

Acerca de Xoán Abeleira

Fillo de emigrantes galegos, Xoán Abeleira naceu en Maracay (Venezuela) no 1963. No 1973, a súa familia volta a España, Madrid, onde Abeleira inicia a súa andaina como poeta, narrador, tradutor, músico, xornalista e crítico literario.
En Madrid publica os seus primeiros poemarios (Umbral del Centinela/La piel iluminada, Olifante, 1997, volume dobre nomeado ós premios Ícaro de Literatura do Diario 16), Identidades (Hiperión, 1998) e Nueve motivos para un obsequio (Mandala, 2001, unha obra realizada canda a pintora brasileira de sumi-e Lourdes Parente). En Madrid estréase tamén coma autor de literatura para nenos, coa serie Las aventuras de Nunavut, pola que recibe excelentes críticas nos principais xornais nacionais, é invitado a falar en distintos colexios e institutos, e é elixido “autor do mes” pola prestixiosa revista CLIJ. En Madrid estuda teatro (con José Carlos Praza e William Layton), dirixe unha montaxe baseada en dúas pezas curtas de Tennesee Williams (Querencia, estreada no Teatro del Mercado de Zaragoza), crea un grupo musical (La República, con disco homónimo), traballa coma xornalista (Cuadernos Hispanoamericanos, El Urogallo, Diario 16, El Público) e coma guionista (na TVE).
En 1999 trasládase á Coruña, onde reside na actualidade. Esa volta definitiva ó lugar da diáspora impúlsao a toma-la decisión, ética e estética, de recupera-la lingua dos seus pais, e, a partir de entón, escribe exclusivamente en galego. Na Galiza publicou xa Magnalia (un “libro de artista” creado coa poeta Olga Novo e a pintora e poeta Alexandra Domínguez), Animais Animais, unha nova versión da serie As aventuras de Nunavut -que, aínda que iniciada en castelán, pensa completar en galego-, e un ensaio lírico e fotográfico verbo da obra e da figura de Manfred Gnädinger, “o alemán de Camelle”, titulado A pegada de Man.
O seu labor como tradutor -altamente recoñecido tanto en Galiza e España coma en Latinoamérica- abarca xa máis dunha trintena de nomes, entre os que salientan os de Rimbaud, Apollinaire, Breton, Desnos, Char, Artaud, Michaux, Rabearivelo, Esteban, Bonnefoy, Shelley, Berger, Ginsberg, Hughes ou Plath.
Na actualidade colabora coma columnista e crítico literario no xornal La Opinión de A Coruña e El País.

Esta entrada foi publicada en Henri Michaux, Poemas. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *