Manifesto do Movemento Surrealista Internacional contra o chamado ¨Surrealism Now¨

NON! AO REGRESO DOS TEMPLARIOS DO LIXO
Sobre as actividades fraudulentas de ¨Surrealism Now¨

O que hoxe se etiqueta como ¨arte¨ non ten nada que ver coa Imaxinación e o Marabilloso, e na maioría dos casos, non é máis ca unha versión reinventada do miserabilismo que domina o mundo. Xaora hai excepcións: eses brillos osixenados que perseguimos na nosa procura do ouro do tempo, marabillas inspiradas que nunca seguirán as regras da estética académica. O que de verdade nos interesa no terreo artístico é o acto de crearmos en si, máis cós resultados: como xa o deixou ben claro André Breton en 1929, no seu ensaio ¨Surrealismo e pintura¨, non existe unha ¨arte surrealista¨ como tal. A pintura, a poesía, a fotografía, a escultura e mailo cine, entre outras actividades, son, para nosoutras e nosoutros, medios para transformarmos a nosa relación co mundo. A inspiración poética non é un fenómeno secundario para todas e todos nós; é algo esencial para toda arte auténtica. Abandonar a inspiración poética a prol das presións sociais ou do mercado daría lugar á absurda consecuencia de destruír o espírito creativo en si.

A submisión total aos códigos sociais conformistas e ás regras do mercado por parte dunha asociación de pseudoartistas que se fan chamar enganosamente ¨Movemento Internacional Surrealism Now¨ obríganos a previr a todas e a todos os simpatizantes do surrealismo contra semellante banda de estafadores e de proveedores de lixo.

Baixo o liderado dun tal Santiago Ribeiro, esta agrupación xa se manifestou, no 2014, nunha exposición colectiva na histórica Sé dos Cabaleiros Templarios da cidade de Condeixa, preto de Coimbra, Portugal.

Agora, a mesma banda, aínda dirixida polo Sr. Ribeiro, quen informou aos medios de que el é “o líder principal” do “grupo surrealista máis grande do mundo”, con máis de cen participantes de máis de vinte e cinco países, disque, e que conta con tantos artistas de pintura mural relixiosa e mesmo con militaristas entre os seus membros, está unha vez máis expoñendo en Condeixa -evento amplamente publicitado. Velaquí algunhas citas dunha entrevista con Santiago Ribeiro que deitan algo de luz verbo da ¨filosofía¨ da empresa ¨Surrealism Now¨:

¨O surrealismo no século XXI é completamente diferente do movemento que apareceu en 1924, cando Breton lanzou o seu manifesto. As realidades de hoxe son completamente diferentes: arestora temos o calentamiento global, o capitalismo xeneralizado e unha forma completamente diferente de comunicar…¨

¨Se o surrealismo quere sobrevivir, ten que vivir de acordo coa era actual…¨

¨O surrealismo, segundo os principios de Breton, non é algo ao que me gustaría pertencer…¨

¨A miña propia pintura ten unha antiga atmosfera de crucifixión…¨

¨Algo que non existe, a iso chamo eu eu chamo surreal…¨

¨Hai lugares no noso país de tal beleza que aproveitamos a oportunidade para falar sobre a súa riqueza cultural e histórica, mentres promovemos a nosa arte asemade…¨

Perante estas afirmacións e actuacións, perante este fulano oportunista, Ribeiro, e maila súa banda de ¨Surrealism Now¨, nosoutras e nosoutros retrucamos:

MALDITOS! As aspiracións do verdadeiro surrealismo están noutra parte, [XALUNDES]: a chegada dunha nova civilización na que a realidade banal deveña unha marabillosa surrealidade. Nós desprezamos as vosas ridículas, demagóxicas e cacofónicas manifestacións porque falsifican as ambicións e mailas aspiracións do surrealismo, tentando, inda por riba, obter réditos comerciais mediante unha actividade fraudulenta.

SINADO POR:

Xoan Abeleira; Jaime Alfaro; Alberto Assumpção; Melatonino Beal; Magdalena Benavente; Jan Bervoets; Verónica Cabanillas; Miguel de Carvalho; Eugenio Castro; José Miguel Pérez Corrales; Daniel Cotrina; David Coulter; Kenneth Cox; Célia Cymbalista; Luke Dominey; Guy Ducornet; Kathleen Fox; Victor Fuentes Marambio; Tono Galán; Javier Gálvez; Guy Girard et les autres membres du Groupe de Paris du Mouvement Surréaliste; Xesús González Gómez; Allan Graubard; Vicente Gutiérrez Escudero; Janice Hathaway; Beatriz Hausner; Mazo Heck; Rodrigo Hernández Piceros; Dale Houston; Bill Howe; Karl Howeth; Joseph Jablonski; Bruno Jacobs; Alex Januário; Patrick Lepetit; Sergio Lima; Rik Lina; Léo Litha; Michael Löwy; Alexandre Magno; Lurdes Martínez; Armando McMurray; Richard Misiano-Genovese, Luiz Morgadinho; David Nadeau; Peter Overton; Jean-Pierre Paraggio; Gregorio Paredes; Nelson de Paula; Seixas Peixoto; Pierre Petiot; Pedro Prata; Carlos Rangel; Raman Rao; Alejandro Rejon Huchin; John Richardson; José Manuel Rojo; Penelope Rosemont; Enrique de Santiago; Gregg Simpson; Dan Stanciu; Ludovic Tac; Jonathan Tarry; Laurens Vancrevel; Rodrigo Verdugo Pizarro; Cristina Vouga; Claudia Vila; Her de Vries; Richard Waara; Zazie Evi Möchel;
siendo miembros de los siguientes grupos: Cabo Mondego Section of Portuguese Surrealism; Grupo Surrealista de Madrid; Leeds Surrealist Group; Groupe de Paris du Mouvement Surréaliste; Chicago Surrealist Group; Xalundes/Grupo Surrealista Galego; Brumes Blondes, Holland; Grupo Surrealista Derrame (Chile); Grupo Surrealista de São Paulo; Grupo Surrealista Agharta (Chile); Grupo DeCollage (São Paulo); Groupe le Vertèbre et le Rossignol; Peculiar Mormyrid Group.
Unidos e unidas surrealistas independientes e simpatizantes;
actuando xuntos e xuntas polo Movemento Surrealista Internacional.

[Publicado en varias linguas. Tradución ó galego de X.A. ]

Acerca de Xoán Abeleira

Fillo de emigrantes galegos, Xoán Abeleira naceu en Maracay (Venezuela) no 1963. No 1973, a súa familia volta a España, Madrid, onde Abeleira inicia a súa andaina como poeta, narrador, tradutor, músico, xornalista e crítico literario. En Madrid publica os seus primeiros poemarios (Umbral del Centinela/La piel iluminada, Olifante, 1997, volume dobre nomeado ós premios Ícaro de Literatura do Diario 16), Identidades (Hiperión, 1998) e Nueve motivos para un obsequio (Mandala, 2001, unha obra realizada canda a pintora brasileira de sumi-e Lourdes Parente). En Madrid estréase tamén coma autor de literatura para nenos, coa serie Las aventuras de Nunavut, pola que recibe excelentes críticas nos principais xornais nacionais, é invitado a falar en distintos colexios e institutos, e é elixido "autor do mes" pola prestixiosa revista CLIJ. En Madrid estuda teatro (con José Carlos Praza e William Layton), dirixe unha montaxe baseada en dúas pezas curtas de Tennesee Williams (Querencia, estreada no Teatro del Mercado de Zaragoza), crea un grupo musical (La República, con disco homónimo), traballa coma xornalista (Cuadernos Hispanoamericanos, El Urogallo, Diario 16, El Público) e coma guionista (na TVE). En 1999 trasládase á Coruña, onde reside na actualidade. Esa volta definitiva ó lugar da diáspora impúlsao a toma-la decisión, ética e estética, de recupera-la lingua dos seus pais, e, a partir de entón, escribe exclusivamente en galego. Na Galiza publicou xa Magnalia (un "libro de artista" creado coa poeta Olga Novo e a pintora e poeta Alexandra Domínguez), Animais Animais, unha nova versión da serie As aventuras de Nunavut -que, aínda que iniciada en castelán, pensa completar en galego-, e un ensaio lírico e fotográfico verbo da obra e da figura de Manfred Gnädinger, "o alemán de Camelle", titulado A pegada de Man. O seu labor como tradutor -altamente recoñecido tanto en Galiza e España coma en Latinoamérica- abarca xa máis dunha trintena de nomes, entre os que salientan os de Rimbaud, Apollinaire, Breton, Desnos, Char, Artaud, Michaux, Rabearivelo, Esteban, Bonnefoy, Shelley, Berger, Ginsberg, Hughes ou Plath. Na actualidade colabora coma columnista e crítico literario no xornal La Opinión de A Coruña e El País.
Esta entrada foi publicada en GSG, Manifestos, Movemento Surrealista Internacional. Garda a ligazón permanente.