Qué é, qué non é o GSG

O Grupo Surrealista Galego non é un grupo de parvos. O Grupo Surrealista Galego non é un grupo de ilusos. O Grupo Surrealista Galego coñece perfectamente ben a implicación ética e artística que entraña definirse como tal. O Grupo Surrealista Galego sabe que pra “cambiar a [súa] vida” cada persoa debe denantes ou asemade cambiarse a si mesma. E que, pra axudarnos a acadar ese labor principal da nosa existencia, o Surrealismo foi e segue a ser un campo de enerxías IMPRESCINDIBLE. Secasí… O Grupo Surrealista Galego é, irrazoable e irrefreable mente, nada máis [pero moito máis] ca un grupo de creadoras e creadores galegos, cunha única premisa, polo de agora: abrirse a todos aquiles individuos e colectivos que vexan na palabra “surrealista” un espírito aínda vivo e transformador, e non, como quere facernos crer o sistema capitalista, un sinónimo do seu absurdo. Non queremos ser “dogmáticos” mais tampouco traidores. Por iso estamos dispost@s a aceptar e pendurar todas aquelas creacións, de calquera tipo, leais ó que amamos pero ningunha que deturpe aquilo que di amar. Polo demais, como non somos nin parvos nin ilusos senón temible mente lúcidos, sabemos, abofé, que no tocante ó Surrealismo ninguén pode aspirar a nada agás a devir algún día surrealista.

O GSG